26 de abr. de 2017

DEPORTES

Carmela Silva asina os convenios de patrocinio cos tres clubs de balonmán da provincia que están na máxima categoría 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor o alto nivel do balonmán feminino pontevedrés, "estamos no olimpo deportivo"  

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe na Sede da institución provincial en Vigo tres convenios de colaboración coas directivas dos tres clubs de balonmán da provincia que están na máxima categoría
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe na Sede da institución provincial en Vigo tres convenios de colaboración coas directivas dos tres clubs de balonmán da provincia que están na máxima categoría, isto é, o Balonmán Cangas, o Atlético Guardés (que estivo acompañado polo rexedor da Guarda, Antonio Lomba Baz) e o Club Balonmán Porriño. Estes acordos forman parte dos convenios de patrocinio establecidos cos clubs da provincia de Pontevedra que se atopan nas máximas categorías das súas disciplinas.  

 Carmela Silva sinalou que "este ano unha das nosas grandes apostas é o noso apoio ao deporte feminino, do que temos no Balonmán Porriño e o Atlético Guardés dous grandes exemplos de mulleres imparables, que non se renden por ver os seus soños cumpridos e que, ademais, están poñendo o nome da nosa provincia e dos nosos concellos no mapa" xa que "o seu alto nivel fainas estar no olimpo deportivo, na División de Honor feminina" ao igual que "o Balonmán Cangas, que actualmente está xogando na Liga ASOBAL".  

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra afirmou que "con estes convenios queremos que os clubs de renome da nosa provincia sigan podendo manter a súa actividade, á vez que apoiamos unha actividade, como é o deporte, que cada vez ten máis adeptos e adeptas na nosa provincia". A este respecto, Carmela Silva lembrou que "soamente estes tres clubs moven a máis de 1.000 nenos e nenas e rapazas e rapaces que amosan a súa paixón polo deporte en cada adestramento e en cada partido".  

 A Presidenta provincial tamén lles desexou sorte nos seus próximos encontros, que enfrontarán na Liga ASOBAL ao Balonmán Cangas co Villa de Aranda este sábado e, o seguinte (6 de maio), ao Balonmán Porriño co vasco Bera Bera e ao Atlético Guardés co Aula Valladolid na División de Honor feminina. Carmela Silva lembrou que "as nosas xogadoras de balonmán están na segunda e na sexta posición da liga" e animou ao conxunto da cidadanía a que "non as perdan de vista, porque estou segura de que van dar moito máis que falar se cabe".  

 Este ano a Deputación de Pontevedra asinará convenios cun total de 12 clubs da provincia, cun investimento total situado en 900.000 euros e incorpóranse dúas formacións novas: o Club Ciclista Rías Baixas e a Asociación Deportiva Vincios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario