A Xunta de Galicia subliña a aposta da empresa viguesa Frigalsa pola eficiencia enerxética a través de novas instalacións de enerxía solar fotovoltaica
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá as instalacións da compañía, dedicada ao depósito, almacenamento e transporte frigorífico de produtos alimenticios
Sinalou que esta nova iniciativa axudará á modernización da empresa, que aforrará 52.000 euros ao ano en consumo enerxético, ao tempo que supón unha mellora para o medio ambiente
Infogauda / Vigo
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da empresa Frigoríficos de Galicia (Frigalsa), da que destacou o seu compromiso polo aforro e a eficiencia enerxética a través dun novo proxecto que permitirá a instalación dunha planta solar fotovoltaica da que se obterá enerxía eléctrica que empregará para autoconsumo.
Bernardo Tahoces indicou que a iniciativa que levará a cabo esta firma viguesa pon sobre a mesa a importancia de executar medidas que favorezan a eficiencia enerxética no sector industrial galego. Neste sentido, asegurou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), colabora coa empresa neste novo proxecto que contribúe a fortalecer a súa competitividade no mercado ao tempo que supón unha mellora da sustentabilidade ambiental a través do uso de enerxías renovables.
Ademais, o director xeral de Enerxía e Minas salientou que a nova proposta que desenvolverá Frigalsa ten un dobre obxectivo: garantir a continuidade das políticas de modernización e renovación das instalacións da compañía, ao tempo que mantén a súa aposta clara por ofrecer un produto de máis calidade ao consumidor.
Esta empresa viguesa está especializada no depósito, almacenamento e transporte frigorífico de produtos alimenticios, como é o caso da carne, a froita e os seus derivados. A través deste novo proxecto, Frigalsa instalará unha planta solar fotovoltaica de xeración eléctrica para autoconsumo. En concreto, constará dun total de 1.235 módulos cunha potencia máxima de 300 vatios que se colocarán sobre a cuberta das naves nas que a empresa realiza a súa actividade.
A través desta nova instalación, estímase que Frigalsa poderá producir cada ano ao redor de 530.000 kilovatios por hora, o que se traducirá nunha mellora tanto a nivel medioambiental como a nivel económico para a propia empresa, que prevé un aforro medio anual de 52.000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario