11 de out. de 2015

O ROSAL

XOÁN MARTÍNEZ TAMUXE SERÁ HOMENAXEADO NA XXVIII ROMANCHA DO CABAQUEIRO

O acto de recoñecemento á súa prolífica labor investigadora terá lugar este luns día 12 de outubro, ás 17:30 horas na Praza do Calvario

  Xoán Martínez Tamuxe
  Foto: Infogauda

Infogauda / O Rosal

 En boa hora, o activo investigador Xoán Martínez Tamuxe será obxecto de un merecido recoñecemento público "(...) pola súa labor historiadora e investigadora da nosa cultura (...)". A homenaxe terá lugar este luns día 12 de outubro, a partir das 17:30 horas, dentro dos actos programados polo Concello do Rosal, na XXVIII Romancha do Cabaqueiro, que como ven sendo tradición, desenvolverase na Praza do Calvario (O Rosal).

RESEÑA BIOGRÁFICA DE XOÁN DO TAMUXE
 Juan Bautista Martínez González (O Rosal, 29-11-1930), moi coñecido polos seudónimos Xoán do Tamuxe, Xoán Martínez Tamuxe e mesmo Martínez Tamuxe, é historiador, arqueólogo e investigador. Cursou estudios eclesiásticos nos Seminarios Menor de Tui (Filosofía) e Maior de Vigo (Teoloxía) que rematou en 1960.    

 En 1974 matricúlase na Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Historia. Secularizouse en 1975-76. En 1977 traballa como secretario da Cámara Agraria Local da vila do Rosal. Por concurso de méritos a Delegación Provincial de Cultura, nomeouno en 1979 Garda-Encargado do Conxunto Histórico do Monte Santa Trega e Conservador do Museo Arqueolóxico.   

 Premio Literario I Certame Xornalístico da Cidade de Tui (1973). Foi correspondente e colaborador dos xornais El Pueblo Gallego, La Hoja del Lunes, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, A Peneira, etc., así como correspondente de Radio Popular de Vigo en Baiona.

 Colaborador das revistas do Museo de Pontevedra, Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui, Pontevedra Arqueolóxica, Pregón e Soberosum de Ponteareas, etc. Dende 1987 é o director do Boletín Informativo Municipal do Rosal, así como da colección Memoria da Festa do Cabaqueiro.   

 En 1996 a Agrupación Cultural Guardesa dedicoulle o Día das Letras Galegas en homenaxe a súa traxectoria histórico-literaria no Baixo Miño.   

 Exerceu como profesor en colexios e academias de Ponteareas, A Guarda e Baiona. Cofundador do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño (1968), do Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui (1974), da Biblioteca, Museo Etnográfico e Boletín Histórico Cultural do Concello do Rosal, así como do Instituto de Estudios de A Paradanta y Condado do Tea (2003). 

 É membro do Instituto Padre Sarmiento (Sección de Arqueoloxía) de Santiago de Compostela (1979), da Asociación Colegial de Escritores de España (1982), Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra (1983), membro colaborador do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (1984).  

 Dende o ano 2007 é o presidente do Instituto de Estudios Tudenses.

 Da súa enorme aportación á Cultura da comarca do Baixo Miño, dan testemuña, entre outras, ás seguintes publicacións:  

- Vía romana “per loca marítima” por el Bajo Miño y Costa Atlántica (1975). 
- Manifestaciones Rupestres en el Monte de Santa Tecla (1980). 
- Citania y Museo Arqueológico de Santa Tecla (1983). 
- Aportación al estudio de la típica esvástica del Alto Miño luso-galaico (1986). 
- Antología (en colaboración con Xosé Carlos Gómez Alfaro, 1988). 
- Contos de Manuel da Ventosela-edición crítica (1991). 
- Nuestra Señora de la Salud: Historia, devoción y arte de San Juan de Tabagón (1993). 
- Artístico Vía Crucis del Monte de Santa Tecla, obra del laureado escultor valenciano, Vicent Mengual (1994). 
- La ermita de San Gregorio, su historia y tradicional feria-romería (1996). 
- Parroquia de San Miguel de Viladesuso (en colaboración, 1996). 
- D. Juan Domínguez Fontela, notable historiador e ilustre guardés (1998). 
- Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño. I Concello do Rosal (1999). 
- Parroquia de San Lorenzo de Salcidos: aproximación histórica (2001.) 
- O aceite en Galicia: guía das lagaretas castrexo-romanas, medievais e modernas (en colaboración, 2003). 
- O Heraldo Guardés, a Imprenta Guttemberg e seu director José Darse (2004). 
- Novos poemas de Manuel da Ventosela en galego e castelán (en colaboración, 2007). 
- Memoria Histórica da capela da Madanela no Monte da Pedrada e vestixios dunha fortaleza (en colaboración, 2007). 
- Santa Mariña de Baíña e o eremitorio de San Cosme (en colaboración, 2008). 
- Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Conxunto histórico-etnográfico de Galicia (en colaboración, 2009).   
- Memorial de la Granja y Ermita de Sanoane (S. Juan). Historia y Tradición (2010). 
- Muíños do Porto en fervenza, patrimonio etnográfico de Vilameán-Tomiño (en colaboración, 2011). 
- La Voz del Tecla, semanario guardés. I Centenario da súa fundación (1911-2011).

Ningún comentario:

Publicar un comentario