Concentración en Vigo contra a discriminación laboral das embarazadas no SERGAS
Unha empregada deste servizo público en Vigo foi despedida por estar embarazada, o mesmo día en que comezaba a traballar
Un momento da concentración de hoxe
Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), CIG e UGT concentráronse esta mañá contra a discriminación laboral das embarazadas no Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O acto reivindicativo comezou ás 11 horas diante da entrada ao Hospital Xeral de Vigo.
Segundo CCOO, a unha celadora do SERGAS que estaba embarazada foille rescindido o contrato a mesma mañá en que iniciaba a relación laboral neste departamento público.
Para o sindicato, este feito é «ilegal e ilexítimo» e acusa de «cinismo» a Dirección da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo. A EOXI defende o despedimento desta traballadora baseándose nun informe sobre a saúde e a protección da maternidade da afectada. CCOO rexeita os argumentos, xa que «o embarazo non é unha enfermidade».
Desde a Federación de Sanidade de Comisións Obreiras consideran que o despedimento desta traballadora é un «feito insólito», máis aínda cando procede dun organismo público que, polo tanto, «debe acatar as leis». Precisamente, CCOO observa que, se a rescisión do contrato realmente pretendía protexer a maternidade, a propia lexislación na materia prevé a adaptación do posto de traballo se for necesario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario