20 de ago. de 2014

PONTEVEDRA

No que vai de ano, o servizo atendeu 206 emerxencias, fundamentalmente por caídas
O SERVIZO DE TELEASISTENCIA PRESTA APOIO A PRETO DE 400 PERSOAS SOAS, QUE SE SENTEN ASÍ MÁIS SEGURAS NO SEU FOGAR

·   Para romper o illamento e a soidade, este ano púxose en marcha unha iniciativa pioneira, con xornadas de convivencia en diversos puntos da provincia
Infogauda / Pontevedra
Cando a soidade se suma aos problemas de saúde e á idade avanzada, resulta moitas veces difícil permanecer no fogar sentíndose seguro. O servizo de Teleasistencia facilita esta permanencia, ao garantirlle ás persoas de idade avanzada ou con problemas de saúde que viven soas unha atención continuada e a seguridade de que, ante calquera eventualidade, recibirán os coidados que precisan.
Preto de 400 persoas de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra contan na actualidade con este servizo que a Deputación financia en colaboración cos propios municipios. Aínda que o servizo ten capacidade para atender a 700 usuarios, a día de hoxe son exactamente 366 homes e mulleres os que demandaron esta atención, distribuídos en 47 concellos da provincia.
Trátase na maior parte dos casos de persoas de idade avanzada que viven soas ou que pasan a maior parte do día en soidade, polo que dispoñer dun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón, lles dá seguridade e tranquilidade.
Todos eles saben que sempre terán alguén a quen acudir ante calquera emerxencia, pero non só iso, senón tamén cando se sintan sós e precisen alguén con quen falar.
206 emerxencias
De feito, a loita contra a soidade é un elemento central deste programa, que non só inclúe o desprazamento de recursos (061, bombeiros…) cando o usuario sofre algún accidente ou enfermidade, senón tamén visitas periódicas para paliar os sentimentos de ansiedade ou illamento e, desde este mesmo ano, unha actividade pioneira orientada a enriquecer a vida social das persoas atendidas.
No que respecta ás emerxencias atendidas, foron 206 no que vai de ano e a maioría delas estiveron motivadas por caídas ou problemas de saúde que requiriron a mobilización de recursos sanitarios.
Así mesmo, e ademais das conversas telefónicas que o persoal do servizo mantén a diario cos beneficiarios, realizáronse outras 286 visitas aos fogares para tratar de paliar sentimentos de soidade ou ansiedade.
Convivencias
Ademais, e como iniciativa pioneira, no mes de xuño púxose en marcha un programa de convivencias que se está a realizar en distintos puntos da provincia e no que se lle ofrece aos usuarios a posibilidade de pasar unha tarde de lecer, con actividades diversas e merenda, co obxectivo de que poidan contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper a rutina.
Ata o de agora desenvolvéronse dúas xornadas, unha en Sanxenxo para os usuarios de O Grove, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Cambados, Barro, Portas e Vilanova de Arousa, na que participaron 22 usuarios e 14 familiares ou acompañantes; e outra en Tui con 26 usuarios de Tui, O Rosal, Tomiño, Baiona, Nigrán e Gondomar, que acudiron acompañados por outras 11 persoas.
Os participantes foron recollidos porta a porta en transporte adaptado e, unha vez no lugar de encontro (o Centro de Día en Sanxenxo e Centro Interfederado en Tui), disfrutaron de actividades de animación (música, maxia…) e dunha merenda, antes de volver aos seus fogares.

Nos vindeiros meses organizaranse novos encontros noutros puntos da provincia. Os primeiros deles serán en Agolada e Cuntis. Para que poidan participar, os usuarios do servizo son informados telefonicamente da organización do encontro, as datas e os lugares de celebración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario