Peitieiros celebra a Semana Cultural e o XXI Festival Folclórico Internacional o vindeiro sábado 23 de agosto
Centro Cultural de Peitieiros / Gondomar
O vindeiro sábado 23 de
agosto, ás 20 horas, o
Centro Cultural de Peitieiros, Gondomar, celebra o XXI Festival Folclórico Internacional. Como xa se fixo o ano
pasado, como actividade previa ao Festival Folclórico, celébrase a Semana Cultural que comezará o martes
19.
Semana Cultural
Martes 19 ás
20:30 h.: actividade de observación de estrelas no alto da
Paraguda: o punto de encontro será no cruce
entre as pistas da Paraguda, Camiño de San Xulian e pista do Aloia, entrando
pola pista do Aloia, no alto de San Antoniño, a 2 km do cruce. Desde alí
subiremos andando pola pista ata a Paraguda (1km) onde agardaremos e
desfrutaremos da posta do sol. Posteriormente tomaremos unha merenda-cea (cada
quen levará a súa), agardando á noite. Cómpre levar roupa de abrigo, unha
lanterna, un farrapo para deitarnos no chan e coxín para quen precise.
Mércores 20 ás 20:30 h.: presentación do vídeo sobre treboadas realizado polo noso veciño Celso Díaz.
Xoves 21 ás 20:30 h.: presentación do proxecto Elelelos da Asociación Retrouso de Cela. A presentación será realizada por Guillerme Ignacio integrante do grupo
Quempallou.
Venres 22 ás 20:00 h.: realización dunha
charla e mostra de Traxe tradicional a
cargo da costureira Patricia González, pandereteira
e integrante do grupo Zurrumalla.
Todos
os actos, agás a observación de estrelas, terán lugar no Centro Cultural, ao
lado da igrexa de vestixios románicos de San Miguel.
XXI Festival Folclórico Internacional
Sábado 23:
Nesta edición contaremos coa
presenza do grupo anfitrión, Ecos e
Agarimos, que como en todas as edicións será o responsábel de iniciar o
Festival. Ecos e Agarimos, cunha traxectoria de máis de vinte anos, é a escola
de música e baile tradicional na nosa parroquia. Contaremos tamén coa
participación do Rancho Folclórico CCR São
Simão de Gouveia, de Amarante, as Pandereteiras Airiños do Sobreiro de Borreiros, Gondomar, e poñerá o broche ao
Festival o grupo Xistra de Coruxo,
Vigo.
O Festival comezará xa ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música abertos á participación de
quen quixer achegarse. Os obradoiros serán de 12 a 14 horas durante a mañá e de
17:00 a 19:00 pola tarde e serán impartidos polos propios grupos participantes.
Desde a Xunta Directiva do CCR gustaríanos
contar coa presenza de todas e todos neste XXI Festival.
Ningún comentario:
Publicar un comentario