La Iguana, único concerto da banda revelación lusa Urbanvibsz en Galicia
Asociación Minho Reggae /Vigo
Vigo e Madrid son as dúas únicas cidades españolas que visitarán os lusos Urbanvibsz, unha das bandas reggae revelación do 2012 en Portugal, que están a presentar o seu último traballo “Free”. New Roots Reggae que escoitaremos este venres, 12 de abril, na sala viguesa La Iguana a partir das 22.30 horas. O prezo do billete será de cinco euros.
Son moi novos pero é precisamente iso o que lle aporta frescura e forza a súa música que é sinónimo de experimentación e mestura. Xa demostraron a súa calidade co seu primeiro disco “Escuta” e continúan a facelo co último ep “Free” que nos últimos meses os levou aos festivais e salas máis importantes de reggae do país veciño.
Agora chegan a Galicia e fano da man da Asociación Cultural Minho Reggae que continúan traballando a prol dos sons xamaicanos e pola súa difusión.
En 2009 estes mozos de Barreiro comezaron a tocar xuntos. Horas e horas de ensaio nas que o reggae e o roots mesturábanse co dub, o ska, hip-hop e incluso o rub-a-dub.
Proto xurdiron os primeiros temas orixinais que recolleron nun EP chamado “Escuta”. Disco que
lle abriu as portas en Portugal até converterse nunha das bandas revelación do reggae nos últimos dous anos, permitíndolle subir ao escenario dalgúns dos festivais máis importantes de Portugal como o Festival Barreiro On The Beach, Festa do Avante, Festival Musa Cascais ou III Minho Reggae Splash e compartir escenario con grandes artistas
internacionais como Andrew Tosh, Omar Perry, Barrington Levy, Terrakota, Prince Wadada, Richie Campbell, entre outros.
Este mes de abril están a realizar unha mini xira que arrancou en Lisboa, con parada en Vigo e Madrid, para presentar o seu último disco, “Free”. Oito temas cheos de compromiso,
cantados en inglés, que chaman ao cambio e falan da realidade pero sempre dende a positividade e a alegría. Temas cheos de forza que están conseguindo encher os seus
concertos.
A única oportunidade que teremos para comprobalo en Galicia, será este venres, 12 de abril, na sala viguesa La Iguana ( R/ Churruca 14) a partir das 22.30 horas. O custe do billete de entrada será de cinco euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario