18 de nov. de 2011

PEDORNES (OIA)

A XXV SEMANA CULTURAL DE PEDORNES CONTINÚA DESENVOLVÉNDOSE CON MOITAS PROPOSTAS CULTURAIS E DE LECER PARA TODOS



Informa: Manuel A. Pombal /Pedornes



Resumo do xoves día 17:

Eran as 17.00 h e soamente había unha persoa disposta a participar nas actividades programadas, pero a iso das 17.30 h comezaron a chegar nenos coas súas nais ou pais e pronto se encheron as dúas grandes mesas que tiñamos preparadas para decorar os botes con sal de colores. Utilizamos sal fina que coloreamos con tizas de colores. Logo, con embudes feitos de papel comezou o proceso de enchido dos botes. Finalmente foron selados con plastilina ou ben con fieltro de color vermello ao que se lle fixo un atado con cordón verde, quedando a maioría deles ben xeitosiños.

Ás 18.45 h proxectouse o documental producido por ANABAM e titulado “A Valga Natural”. En dito documental, que se emitía por primeira vez, amósanse as características paisaxísticas do humedal da serra da Groba coñecido como A Valga. Ademais, fai un percorrido por algunhas das especies tanto animais como vexetais, con especial referencia á herpetofauna. Foron uns 25 minutos cheos de fermosas imaxes que ilustraron algunhas das actividades de estudo e investigación realizadas polos membros de ANABAM neste particular e marabilloso enclave natural, resaltando a necesidade da súa protección para que poida seguir sendo zona de goce e disfrute das xeracións vindeiras.

Finalmente, realizouse o Campionato de Chinchón, actividade que se celebraba por primeira vez na Semana Cultural de Pedornes. Contou coa participación de 16 persoas, aínda que finalmente quedou pendente de xogarse a final para hoxe venres porque se fixo tarde para algunha das finalistas.

Programa para o venres día 18:

Os mais cativos están convidados a participar na actividade de Introdución á papiroflexia a partir das 17.00 h.

A iso das 18:30 h proxectarase o documental titulado “O Mar da Fin do Mundo” de J. Irisarri, M. E. Garci, e R.T. Hanlon, dirixido por M. Uhía, e producido por J. Irisarri.

Sinopse do documental:

A costa de Galicia foi considerada durante séculos o finisterre do mundo coñecido, cun mar axitado e misterioso, baixo cuxa superficie, ademais de historias e lendas, atópase unha das máis ricas biodiversidades de todas as augas do planeta. Un mar cheo de vida. Esta extraordinaria abundancia débese ao afloramento oceánico, que achega nutrientes minerais ás capas superficiais. Aquí teñen o seu reino os cefalópodos. Criaturas cunha intelixencia moi desenvolvida e capacidade de aprendizaxe moi notable. A súa gran versatilidade permítelles modificar o aspecto da súa pel para imitar a cor e o relevo do fondo, logrando un camuflaxe perfecto para pasar inadvertidos e para cazar. Un capítulo moi interesante deste documental son os comportamentos e pautas de reprodución, moi pouco coñecidos, dos cefalópodos.

Este interesante documental ten unha duración de 52 minutos e foi presentado na Semana Internacional de Cine Submarino de Vigo (ano 2011), e tamén no Festival Internacional de Cine Submarino de San Sebastián do mesmo ano, onde obtivo o 1º Premio de Vídeo Longametraxe.

A continuación terá lugar o Campionato de Futbolín por parellas e, de seguido, teremos a Granpresentación de doces e sobremesas; unha vez elixido o gañador (que será por sorteo, como en anos pasados), serán degustados por todos os presentes.

Deseguido, comezaremos co xa habitual “pelado” dos mais de 200 quilos de castañas que serán asadas mañá sábado.

Ó longo de toda a xornada estará aberto o prazo para a inscrición no Campionato de fútbol (3x3) a celebrar o sábado 19 a partires das 10.00 h. Ademais, como os días pasados, haberá proxeccións de vídeos e filmes variados e outros xogos para entreterse entre amigos e veciños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario