A GUDIÑA CELEBRA Á “XVI FEIRA FORESTAL E AGROALIMENTARIA PROVINCIAL”

O Concello de A Gudiña organiza, coa colaboración da Deputación de Ourense, a “XVI Feira Forestal e Agroalimentaria Provincial”, unha xuntanza de promoción e exaltación dos produtos e da riqueza agroforestal, plenamente consolidada, convertida xa en punto de referencia para o sector na provincia de Ourense., en especial para o ámbito da castaña. Nesta feira participan centos de persoas chegadas de todas as comarcas de Ourense e pobos veciños de Castela León e Portugal.
As actividades que se desenvolven ao longo desta semana e que rematarán o vindeiro domingo, 31 de outubro cunha xornada gastronómica, conforman un extenso programa que inclúe exposicións, conferencias, mesas redondas e concursos de castaña, eventos aos está convidado todo o público en xeral.
Este xoves e mañá venres terán lugar na Casa da Viúva de A Gudiña, ás 19.00 horas, catro conferencias temáticas sobre “Pragas e doenzas do castiñeiro”, “Creación dunha cooperativa de aplicación de praguicidas”, “Industrialización dos produtos do castiñeiro”, e “Modelos existentes de cooperativas”.
O sábado, día 30, e o domingo, día 31, terá lugar no pavillón polideportivo, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, unha exposición de maquinaria agrícola e forestal, produtos agroalimentarios, empresas locais, artesanía e viveiros forestais.
E finalmente, tamén o domingo terá lugar unha xornada gastronómica, que se desenvolverá no patio do colexio Laureano Prieto a partires das 14.30 horas, e que consistirá nun xantar popular a base de xabarín co castañas e bica e montonicos (os pases para o xantar pódense retirar nas oficinas municipais ata o día 28 de outubro).
Ademais de todo iso, celebrarase tamén o tradicional concurso da castaña, no que se premiarán a calidade do produto e os soutos, e tamén un concurso de pratos e postres cuxa base sexan as castañas e os produtos autóctonos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario