22 de xul. de 2010

PONTEVEDRA

O PP provincial presentará na próxima semana os candidatos dos concellos de máis de 20.000 habitantes


Eladio Bargiela presidirá a xestora do PP de Gondomar e Javier Bas a de Redondela




· O presidente provincial, Rafael Louzán, agarda que no prazo de 2 ou 3 meses estean designados todos os cabeza de lista da provincia
· Asegura que o apoio electoral que o PP recibe en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía “vai a máis”, o que sitúa aos populares con “claras opcións” de alcanzar estas alcaldías en 2011
· Confirma a apertura dun expediente disciplinario a Fernando Villaverde

Infogauda / Pontevedra



A Xunta Directiva Provincial do PP en Pontevedra someterá a aprobación esta tarde a conformación das xestoras que se encargarán da dirección do partido en Gondomar e Redondela. No primeiro caso, será Eladio Bargiela Durán o que encabece o novo equipo directivo, mentres que en Redondela asumirá a presidencia da xestora Javier Bas Corujeira.
Así o anunciaron esta mañá o presidente provincial dos populares, Rafael Louzán, e a secretaria xeral desta formación, Begoña Estévez, nunha rolda de prensa na que deron conta dos asuntos que se abordará nesta tarde na reunión da Xunta Directiva Provincial.
Na súa intervención, o líder dos populares aproveitou para dar conta do traballo que está a desenvolver o PP en toda a provincia co obxectivo de ir perfilando as candidaturas que se presentarán en cada un dos concellos para as vindeiras eleccións municipais.
Louzán destacou, neste sentido, que tras a proclamación de Corina Porro como candidata por Vigo e de Telmo Martín por Pontevedra, “na vindeira semana, ou a máis tardar na seguinte” se darán a coñecer os cabeza de cartel de Vilagarcía, Redondela, Ponteareas, Cangas, Marín, Lalín e A Estrada, que son os concellos de máis de 20.000 habitantes.
A partir de aí, e no prazo de 2 ou 3 meses iranse designando os candidatos dos 51 concellos restantes, de forma que haxa tempo abondo para a configuración das listas e para a elaboración dos programas en cada municipio.


CLARAS OPCIÓNS DE GOBERNO
Nesta liña, Louzán incidiu en que o obxectivo do PP provincial é “en primeiro lugar, conservar as alcaldías que ten e, en segundo, con clarísimas opcións, gobernar naqueles municipios onde fomos nas últimas eleccións municipais o partido máis votado”.
“Son 45 concellos de Pontevedra onde o PP ten clarísimas opcións de gobernar e esperemos que así nolo digan os cidadáns nas urnas proximamente”, recalcou o líder provincial. Entre as alcaldías que o PP ve ao alcance da man figuran as das tres principais cidades da provincia: Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

SANXENXO
O líder do PP en Pontevedra referiuse tamén á situación en Sanxenxo e confirmou a apertura dun expediente disciplinario a Fernando Villaverde. Segundo indicou, aínda que o PP é unha formación aberta e na que se aceptan todas as críticas, a actitude que está a amosar de forma reiterada este afiliado, “fai que o PP teña que tomar unha decisión”.
Louzán lembrou que o PP é un partido coas portas sempre abertas, tanto para entrar como para saír e, por iso, non se entende como alguén que insiste en que vai formar un novo partido, quere ao mesmo tempo permanecer nas filas do PP.
Afirmou, ademais, que foron múltiples as ofertas de diálogo que se lle fixeron a este afiliado, co que “o partido foi tremendamente xeneroso” ao tratar en todo momento de chegar a puntos de encontro, pese a que os propios estatutos establecen a posibilidade de expulsión desde o mesmo momento no que se arremete contra o partido.
Louzán restou importancia ás declaracións de Villaverde, sinalando que “se trata da posición dun único afiliado, dos 33.000 que ten o PP” pero subliñou que a súa actitude é unha mostra clara de que “actúa contra os intereses do PP que el di defender”. Por iso, aínda que recalcou que a importancia da posición de Villaverde “é relativa”, “o partido está obrigado a tomar as medidas oportunas”, especialmente tendo en conta que existe unha solicitude de apertura de expediente presentada pola presidenta da xestora en Sanxenxo.
En respostas a preguntas dos xornalistas, Louzán incidiu en que “creo que non actúa como debe, senón en defensa duns intereses persoais” e recordoulle que “a presenza no partido é voluntaria”. En canto aos ataques dirixidos directamente ao presidente provincial, Louzán asegurou que, aínda que coñece a este afiliado desde hai moitos anos, a súa función é defender os intereses do partido, polo que as críticas de carácter persoal “son irrelevantes”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario