20 de xul. de 2010

OURENSE

UN LIBRO RECOLLE 110 ANOS DE HISTORIA DE O CARBALLIÑO EN FOTOGRAFÍAS



Infogauda / Ourense


A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro “O Carballiño 1869-1979”, un traballo coordinado polo xornalista carballiñés Xosé Manoel Rodríguez González, e que conta coa colaboración de Miguel Anxo Fernández e José Luis Diz, que recolle unha escolma fotográfica de máis de un século de historia deste concello ourensán.
Este traballo comezou no ano 1992 coa recollida de fotos coa idea de facer un libro “O Carballiño, vellas historias, vellas fotografías.1870-1970”. Un mundo de imaxes aflorou entre os veciños que xenerosamente quixeron pescudar nos seus álbums privados na procura da foto curiosa que puidese enriquecer as páxinas que despois se materializarían en patrimonio visual de todos os carballiñeses.

Aquel traballo evidenciou, entre outras cousas, que O Carballiño era rico en moitos e bos fotógrafos. Unha parte desas fotografías que non foron publicadas entón, teñen agora cabida neste volume, editado pola Deputación de Ourense. Na presentación o xornalista Xosé Manoel Rodríguez González dixo que o libro foi posible grazas ao traballo de moita xente entre os que cabe destacar a José Luís Diz, quen asumiu a iniciativa de facerse cargo do escaneado e tratamento das fotografías”. O coordinador dixo tamén que o libro consta de 360 fotografías e ilustracións que recolle a historia de O Carballiño en imaxes, e animou á Deputación de Ourense a seguir nesa liña de recuperar arquivos fotográficos “para poder preservar o arte que foi do século XX”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, agradeceu aos cidadáns carballiñeses que cedesen as súas fotografías para o realización do libro, “porque isto supón recuperar a nosa memoria histórica, e dende a Deputación é un traballo que vimos facendo xa noutras comarcas e concellos como foron los libros de Xinzo de Limia, Celanova e O Barco, e seguiremos nesta liña recollendo a nosa historia da provincia de Ourense en imaxes”.

A selección de fotografías para o libro de O Carballiño realizouse entre os materiais aportados por moitos carballiñeses, e o traballo conta ademais con textos de Miguel Anxo Fernández, Manuel Amil Otero, Francisco Fumega, Felipe Senén López, Xosé Luis Sobrado Pérez, Manuel Vecoña e Avelino Muleiro García.

Ningún comentario:

Publicar un comentario