A DEPUTACIÓN PON EN MARCHA UN PROGRAMA DE PERFECCIONAMENTO DE IDIOMAS PARA UNIVERSITARIOS

Infogauda / Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, presentou hoxe o Programa LTW, unha iniciativa que pon en marcha a Deputación de Ourense, a través do seu Servizo de Fomento do Emprego, para que os universitarios da nosa provincia poidan perfeccionar o seu coñecemento en idiomas como o inglés, francés, portugués, italiano ou alemán, con estadías curtas e intensivas no estranxeiro.
Segundo explicou José Juan Cerdeira, responsable do Servizo de Fomento do Emprego da Deputación, o programa ten como obxectivo facilitar o perfeccionamento de idiomas a través de accións formativas en diferentes países, orientadas á especialización lingüística de distintos sectores laborais.
Segundo explicou José Juan Cerdeira, responsable do Servizo de Fomento do Emprego da Deputación, o programa ten como obxectivo facilitar o perfeccionamento de idiomas a través de accións formativas en diferentes países, orientadas á especialización lingüística de distintos sectores laborais.
Nesta primeira experiencia participarán 15 alumnos, que teñen que cumprir como requisito ser titulados universitarios e ter unha base de inglés. A estancia será de 15 días, nas que recibirán un curso intensivo en Belfast (Irlanda do Norte), e o programa inclúe billete de avión, custe do curso, seguro e aloxamento, que serán sufragados pola Deputación. Cada alumno terá que aboar soamente ao 15% do custe total do curso (250 euros), como garantía e compromiso de realización da acción formativa.
O Presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, dixo na presentación que hoxe máis ca nunca “o dominio de idiomas constitúe un reto na formación dos nosos recursos humanos, e con esta convicción a Deputación pon en marcha o Programa LTW que baixo a denominación “inglés para traballar” permitirá aos seus participantes desenvolver un período intensivo de formación no manexo do inglés, usado no eido laboral e profesional”.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro venres e a día de hoxe o número de solicitudes quintuplica xa o número de prazas ofertadas.
Baltar afirma que a institución provincial “quere facilitar aos titulados universitarios da provincia as mesmas posibilidades lingüísticas que teñen outros cidadáns europeos para poder desenvolverse profesionalmente e competir en igualdade de condicións”.
A esta acción formativa da Deputación de Ourense seguiranlle outras actuacións especializadas en distintos sectores económicos, nas que se perfeccionará o inglés usado en ámbitos como o turismo, as novas tecnoloxías ou o sector vitivinícola; e preténdese tamén ao longo do programa poñer en marcha actuacións para os idiomas portugués, francés, italiano e alemán, que se desenvolverían en Lisboa, Burdeos, Florencia e Berlín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario