14 de xan. de 2010

OURENSE

A ASOCIACIÓN “LIMIA VERDE” PRESENTA O SEU PROXECTO DE PROMOCIÓN DO TURISMO RURAL




O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do proxecto que leva a cabo a Asociación de turismo rural “Limia Verde”, que ten como obxectivo dar a coñecer a través de Internet a oferta de aloxamento, gastronomía e ocio que ten unha das zonas máis fermosas da provincia de Ourense.

Infogauda / Ourense
A presidenta da asociación, Sara Martínez, explicou que “Limia Verde” naceu fai un ano, constituída por 11 casas de turismo rural dos concellos de Monterrei, Verín, Xinzo de Limia, Celanova e polas comarcas de A Limia e a Baixa Limia, co fin de ofrecer ao turista unha serie de actividades “diferenciadas e de alta calidade” para o lecer do visitante. Neste senso, dixo que nesta tempada presentan a oferta “Sabores de inverno”, que consiste en propoñer aos turistas unha mestura de actividades gastronómicas e de ocio propias do inverno en Ourense, todo elo complementado cun aloxamento de alta calidade.A páxina web que hoxe presentaron (www.limiaverde.com) recolle fotografías, vídeos, datos de localización e históricos, así como prezos das casas de turismo rural pertencentes a “Limia Verde”, e ademais o sitio de Internet presenta, cun atractivo deseño, as potencialidades turísticas do entorno, como son as paisaxes, o patrimonio histórico-artístico e as diversas actividades que o visitante pode realizar mentres pasa uns días de lecer por estas terras.A web, que pode consultarse en galego, español e inglés, naceu das propostas que os propios turistas facían cando se aloxaban nas casas rurais, demandando máis información do entorno e un sitio en Internet para poder planificar mellor a súa viaxe a terras ourensáns.O acto de presentación de “Limia Verde” rematou cunha degustación de productos típicos das comarcas que integran as casas rurais da asociación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario