9 de xuño de 2026

OIA

Visitas ao Real Mosteiro de Oia no verán 2026: horarios, novidades e como reservar  

Do 1 de xullo ao 31 de agosto, o monumento abre con visitas guiadas e acompañadas de martes a domingo


Cartel das visitas guiadas Verán 2026

Nuria Rodríguez/Oia

 O Mosteiro de Oia abrirá as súas portas do 1 de xullo ao 31 de agosto cun novo programa de visitas de verán que permitirá redescubrir un dos conxuntos patrimoniais máis singulares da costa galega. 

 A proposta, impulsada pola Fundación Bretal, combina historia, paisaxe atlántica e investigación en curso nun monumento que continúa evolucionando en paralelo ao seu proceso de restauración e estudo.  

Un verán para redescubrir o Mosteiro de Oia 

 Durante os meses de xullo e agosto, o Mosteiro de Oia ofrecerá visitas de martes a domingo en dúas modalidades diferenciadas. 

 Os martes realizaranse visitas acompañadas (non guiadas) de balde en horario de mañá, con pases ás 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas. 

 De mércoles a domingo, as visitas serán guiadas, cun percorrido interpretativo polos diferentes espazos, nas seguintes quendas: 11:00, 13:00, 16:30 e 18:30 horas, e con acceso exclusivo á exposición permanente “Os presos do Mosteiro: memorias da Guerra Civil española”. 

 Entradas e reservas dispoñibles aqui: https://www.mosteirodeoia.com/gl/visitas-guiadas-veran-2026/   

 O programa permite así achegarse ao Mosteiro desde distintos niveis de profundidade, adaptándose a diferentes tipos de público.



 
Fotografías das últimas visitas guiadas no Mosteiro de Oia.


Un percorrido actualizado con novas achegas 

 A programación deste verán incorpora novidades no itinerario, coa incorporación de novos espazos visitables e contidos actualizados a partir das investigacións en curso. 

 Estas melloras permiten ofrecer unha lectura máis completa e actual do Mosteiro de Oia, reforzando o seu carácter dinámico e en constante evolución. 

 Desde a Fundación Bretal destacan que o obxectivo desta programación é manter vivo o monumento a través dunha actividade cultural adaptada ao seu estado e ás distintas fases do proceso de recuperación. “Cada ano a visita é diferente, porque o propio Mosteiro segue revelando nova información e novas formas de interpretalo”, sinalan. 

Un monumento en proceso de restauración 

 O Mosteiro de Oia atópase actualmente en estado de ruína consolidada, dentro dun proceso activo de restauración e posta en valor. Por este motivo, recoméndase acudir con roupa e calzado cómodo, xa que o percorrido inclúe espazos exteriores e zonas de terreo irregular. 

 Así mesmo, as visitas non están recomendadas para persoas con mobilidade reducida nin para o uso de cadeiras infantís debido ás características do conxunto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario