O Concello de Oia reforza a seguridade viaria en Mougás coa instalación de novas barreiras
Foto: CO
Infogauda/Oia
O Concello de Oia executou unha actuación de mellora da seguridade viaria en distintos puntos da parroquia de Mougás, onde se instalaron varios metros de barreiras de protección nos bordos da calzada co obxectivo de reducir riscos e garantir unha circulación máis segura.
Os traballos realizáronse en diferentes tramos do vial que comunica a estrada PO-552 coa EP-2202, o cal ascende polo Camiño do Galgueiro e continúa polas Chans cara ao Picadeiro e á caseta de cazadores de Mougás. Tras as cortas de arborado efectuadas nas inmediacións da vía nos tramos de subida ao Picadeiro e á caseta de cazadores, quedaran ao descuberto algunhas zonas con desniveis pronunciados no terreo que podían supoñer un perigo para os vehículos.
Coa finalidade de previr posibles accidentes e reforzar a seguridade nos tramos que presentaban maior risco, o Concello licitou as obras para a instalación de barreiras metálicas de protección, que foron adxudicadas por un importe de 27.588,00 euros, financiados ao abeiro do Plan Máis Provincia 2025.
Con esta intervención, o Concello continúa avanzando na mellora progresiva das infraestruturas municipais, priorizando actuacións que contribúan á seguridade e ao benestar da veciñanza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario