MAR E A UNIVERSIDADE DE VIGO REFORZAN, CO AVAL DA CIENCIA, A XESTIÓN DA MEXILLA NO LITORAL DE GALICIA
• O Consello da Xunta autorizou o convenio que permitirá seguir identificando e realizando a marcación selectiva de larvas de mexillón nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa, Muros-Noia e Ares-Betanzos
• Supón un avance na xestión deste molusco atendendo á crecente demanda e á súa explotación responsable
• A Consellería do Mar destina a esta actuación máis de 310.000 € cofinanciados co Fempa e distribuídos no período 2026-2029
Infogauda/Galicia
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Universidade de Vigo para continuar coa execución do estudo de identificación e marcación selectiva de larvas de mexillón que lle permite aos produtores coñecer, dun xeito máis preciso, a presenza e abundancia de mexilla no medio natural, o que contribúe a facilitar o seu labor e a garantir a produción. Esta acción, que se vén mantendo desde 2022, supón un avance na xestión da cría de mexillón atendendo á crecente demanda e á explotación responsable dos distintos recursos naturais.
A Consellería do Mar apoia esta actuación cunha achega de 310.074,31 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e a distribuír no período 2026-2029. Corresponde ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Xunta, a recollida das mostras para posterior envío ao laboratorio de Inmunoloxía da Universidade de Vigo.
Unha vez finalizado este proceso, os datos preséntanse nun visor dinámico na web Apromex.com.
A través desta canle, infórmase sobre a presenza e abundancia larvaria para cada unha das estacións, indicando a cantidade de larvas por unidade de volume/mostraxe, así como en cada un dos estadios presentes na mostra. Co fin de facilitar un mellor asesoramento ao sector, tamén se detallan as densidades de mexillón presentes en cada momento, comparando ademais esta información cos últimos datos dispoñibles. A través deste acordo, seguirán monitorizándose sete puntos de control nas rías de Vigo (2), Pontevedra, Arousa (2), Muros-Noia e Ares-Betanzos. Unha acción que se iniciou no 2022 e para a que a Administración autonómica leva achegados 306.590 euros.
Pola súa banda, a Universidade de Vigo comprométese a realizar as tarefas de identificación e contaxe larvaria, así como de descrición dos estadios larvarios indicando a cantidade de larvas por unidade de volume e mostraxe e en cada un dos estadios larvarios presentes nas mostraxes. Na coordinación e interpretación dos resultados encárgase o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) de Vilanova de Arousa.
A iniciativa inclúese no labor de investigación e análise que desenvolve a Administración galega para avanzar na xestión da mexilla no medio natural e tamén no seu cultivo, e enmárcase na súa aposta por avanzar na explotación sustentable dos distintos recursos mariños.
O sector en cifras
A acuicultura constitúe un piar fundamental para o desenvolvemento socioeconómico das zonas costeiras. Integran este sector máis de 2.600 empresas, que xeran arredor de 5.600 empregos e acadan unha facturación anual de 247 millóns de euros, consolidándose como un dos motores da economía azul galega. Neste ámbito, o mexillón destaca como o principal produto do sector, ao representar o 94 % da produción acuícola mariña, con máis de 177.000 toneladas producidas en 2025.
Por outra banda, a Xunta, co fin de seguir impulsando este sector estratéxico, avanza na elaboración do futuro decreto de acuicultura mariña de Galicia, unha norma que contribuirá a reforzar a estabilidade do sector e a dotar os seus profesionais dunha maior seguridade xurídica.

Ningún comentario:
Publicar un comentario