8 de xuño de 2026

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

Amandine Balzinc non seguirá a defender a portería do Guardés o vindeiro ano 

A gardameta francesa dá por finalizado o seu paso polo equipo miñoto despois dunha tempada espectacular baixo paus, en busca de novos retos 

Balzinc chegou ao Club o verán pasado procedente da liga romanesa, e foi unha das porteiras máis destacadas da tempada na elite española 

Xunto a Jazmín Mendoza, a gala é a segunda baixa confirmada polo Club de cara á tempada que vén 


Amandine Balzinc
Foto: José Luis Recio

Redacción Deportes/A Guarda 

 O Atlético Guardés segue a desvelar os cambios que sufrirá o seu cadro de persoal o próximo curso. A gardameta francesa, Amandine Balzinc, é a segunda baixa confirmada polo Club e, despois dunha única tempada máis que destacable na vila guardesa, abandona o equipo en busca de novos retos deportivos de cara á tempada 2026/2027. 

 Balzinc chegou ao Guardés o pasado verán de 2025 procedente das ligas francesa e romanesa e con ganas de vivir unha primeira experiencia na elite española. O seu debut non deixou indiferente a ninguén, pois malia as dificultades que comportaban un novo país, idioma e competición, pronto definiu con claridade o seu lugar baixo paus e chegou a converterse nunha das porteiras máis destacadas da categoría. As súas importantes aportacións e altas porcentaxes foron determinantes para o extraordinario palmarés obtido polo equipo este ano, cun desempeño na fase final da Copa da Raíña e nas distintas eliminatorias da EHF European Cup que lle valeron varios premios MPV (acrónimo de Mellor Xogadora do Partido), ademais dun inequívoco recoñecemento do seu papel no equipo baixomiñoto. 

 Neste único ano no Club, a internacional gala, que chegou inicialmente para cubrir a baixa por maternidade de Estela Carrera, supuxo un importante descubrimento tanto deportivo coma humano, e é precisamente a súa brillante actuación a que agora lévaa a buscar novos retos na súa carreira alén da Guarda. Despois desta breve pero intensa etapa, Amandine quixo agradecer ao Guardés “pola oportunidade de defender as súas cores”, así coma “aos dirixentes, os adestradores e tódalas persoas que formaron parte desta aventura colectiva”. A gardameta explica que chegou aquí perseguindo o “bonito reto europeo” e marcha máis ca leda de poder dicir que “logramos o obxectivo”. Balzinc tivo tamén unhas derradeiras palabras coa afección da Sangriña, pola súa “positividade e a súa enerxía” tanto dentro coma fóra da pista, a quen considera “o encanto desta pequena vila”. “Marcho de aquí con lembranzas marabillosas”, concluíu. 

 O Club Balonmán Atlético Guardés agradece a Amandine Balzinc polo seu grande traballo e as vivencias desta excepcional tempada e deséxalle o mellor para o seu futuro tanto deportivo coma persoal, no que esperan volver atoparse sobre as pistas. A porteira foi unha parte fundamental do éxito europeo e do subcampionato copeiro colleitados esta tempada, algo que deixará unha pegada na historia do Club para sempre. Merci pour tout, Amandine! Grazas por todo, Amandine!

 Balzinc é a segunda baixa confirmada no cadro de persoal para a próxima tempada 2026/2027, uníndose a Jazmín Mendoza. Polo de agora, transcenderon tamén a saída de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e a continuidade de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo e Ania Ramos. Nos próximos días iranse concretando os demais detalles sobre o proxecto para o curso vindeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario