A GUARDA ACOLLERÁ A I XORNADA DE XESTIÓN E CONTROL DA ACACIA O VINDEIRO 13 DE XUÑO
• O encontro reunirá especialistas, administracións e comunidades de montes para abordar estratexias de control desta especie invasora
• A participación é libre e gratuíta, con inscrición previa recomendada por motivos organizativos
Infogauda/A Guarda
O Centro Cultural da Guarda acollerá o vindeiro sábado, 13 de xuño a I Xornada de Xestión e Control da Acacia, unha iniciativa organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda que contará coa colaboración do Concello da Guarda e outras entidades vinculadas á investigación, xestión forestal e conservación do medio natural.
Esta xornada ten o obxectivo de crear un espazo de encontro para compartir coñecementos, experiencias e ferramentas de actuación fronte á expansión da acacia, unha das especies exóticas invasoras con maior impacto sobre os ecosistemas autóctonos.
O programa combinará intervencións de carácter científico e técnico con exemplos prácticos de xestión desenvolvidos sobre o territorio. A xornada comezará ás 09:30 horas coa recepción e acreditación das persoas participantes, seguida do acto inaugural institucional, no que intervirán o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda, Noé Ferreira Rodríguez.
A continuación desenvolverase unha mesa centrada no coñecemento científico e nas estratexias actuais de control da acacia, coa participación de especialistas da Universidade de Vigo e da Universidade de Coimbra, que abordarán os retos que presenta esta especie invasora e as distintas metodoloxías empregadas para a súa xestión.
Tras unha pausa para o café, a programación continuará cun bloque dedicado ás experiencias de control sobre o territorio e a xornada concluirá cun debate final e cunha visita técnica de campo, prevista entre as 13:00 e as 14:00 horas, na que se darán a coñecer diferentes experiencias de control biolóxico da acacia.
A asistencia á xornada é libre e gratuíta, aínda que dende a organización se solicita realizar inscrición previa por motivos organizativos. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/ZvZGrY8qYyaH84387
Ningún comentario:
Publicar un comentario