1 de dec. de 2025

PONTEAREAS

O persoal do SAF de Ponteareas suspende a folga tras solucionar a empresa os problemas co pagamento das nóminas 

  A concesionaria Óbolo comprométese tamén por escrito a cumprir as condicións esenciais do contrato antes do vindeiro 31 de decembro 


O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas decidiu hoxe suspender o paro
Foto: CIG

Infogauda / Ponteareas 

 Tras 68 días de folga indefinida o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas decidiu hoxe suspender o paro unha vez que a empresa solucionou os problemas no pagamento das nóminas e na cotización á Seguridade Social. A concesionaria Óbolo comprometeuse tamén por escrito diante da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais a cumprir as condicións esenciais do contrato antes do vindeiro 31 de decembro en cuestións como rexistro e computo de xornada, contar co 60% dos contratos a xornada completa, garantir descanso semanal de 48 horas, abonar as horas extras para xornadas superiores á completa e asumir obrigas en materia de saúde laboral e formación. 

 Dende a CIG explican que as traballadoras víronse na obriga de solicitar o pasado 20 de outubro a mediación do CGRL diante da “total indefensión” por parte do Goberno local e a súa negativa a extinguir o contrato coa concesionaria. “A empresa, totalmente ausente, mantivo suspendidas as negociacións demorando a resposta ás reivindicacións das traballadoras até o venres pasado, data na que a central sindical recibiu xustificación fidedigna de que os salarios foran correctamente cotizados diante da Seguridade Social, recibindo copia da liquidación e pagamento o 28 de novembro, en contra do que afirma o concelleiro responsábel do SAF, Jesús Represas Carrera, que dixo telo solucionado nos primeiros días da folga”. E hoxe mesmo, de xeito paralelo á formalización do acordo, a empresa procedeu ao pagamento de diferenzas pendentes de nóminas. 

 Estas dúas cuestións foron determinantes para proceder á sinatura dun documento que recolle ademais o cumprimento das condicións esenciais do contrato de licitación antes do 31 de decembro de 2025: 

- Rexistro e computo de xornada. 

- 60% de contratos a xornada completa 

- Descanso semanal de 48 horas. 

- Pagamento de horas extras para xornadas superiores á completa. 

- Obrigas en materia de saúde laboral e formación 

 Con todo, o persoal quere deixar moi claro que coa aceptación do acordo a empresa non queda exonerada da actuación da Inspección de Traballo a respecto das posíbeis responsabilidades derivadas dos incumprimentos. 

 Ao mesmo tempo, as traballadoras censuran a actuación a actitude da máxima responsábel do Concello, Nava Castro, tanto durante o conflito como na súa resolución, “mostrándose sempre en contra dos intereses das súas veciñas, negando a realidade e elevando a tensión nas  mobilizacións, ademais de dilatar calquera posibilidade de acordo nunha lamentábel política de desgaste das que entendeu eran as súas adversarias”. 

 Por iso a central sindical fai fincapé en que só a firmeza a capacidade de loita das empregadas, co apoio da CIG, fixo posíbel que Óbolo cumprise a día de hoxe coas súas obrigas. Finalmente, adiantan que o vindeiro 2 de xaneiro o Concello recibirá por rexistro un informe co grao de cumprimento do acordado e advirten que non dubidarán en retomar a folga e a solicitude de extinción do contrato.

Ningún comentario:

Publicar un comentario