O Rosal bota a correr cara ao novo ano coa súa tradicional San Silvestre
• Aberto ata o 26 de decembro o prazo para inscribirse nesta cita deportiva que cada ano reúne a centos de participantes na andaina infantil e na carreira non competitiva
Infogauda / O Rosal
As rúas do Rosal prepáranse para converter a última mañá do ano nun estoupido de enerxía, solidariedade e diversión. O Concello vén de abrir as inscricións para participar na nova edición da San Silvestre, convidando a persoas de todas as idades a despedir o 2025 correndo, camiñando ou simplemente gozando dun ambiente que enche o municipio de alegría compartida.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima á veciñanza a participar un ano máis nun evento que xa forma parte da identidade rosaleira. “Esta carreira é unha oportunidade única para rematar o ano en conexión coa nosa comunidade, apostando pola saúde e reforzando o espírito que nos define como concello”, subliña a rexedora.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destaca o carácter aberto e festivo da xornada, xa que “calquera pode sumarse, tanto quen queira correr como quen prefira camiñar ou simplemente desfrutar da festa. A San Silvestre é unha ocasión perfecta para vivir o pobo dun xeito activo e saudable, e cada edición vemos como medra a participación e o entusiasmo da xente”.
A programación comezará ás 11.00 horas coa andaina infantil de 2,3 km, un percorrido con saída e meta no pavillón municipal pensado para que as máis pequenas e pequenos poidan gozar da experiencia con total seguridade. Ás 12.00 horas tomarán a saída tamén dende o pavillón as persoas participantes da carreira non competitiva de 4 km, cun trazado polo corazón do Rosal que convida a vivir a xornada sen presións, nun ambiente festivo e participado.
Ao finalizar, non faltará un dos momentos máis esperados: chocolatada e sorteos de cestas, que poñerán o broche doce á mañá máis activa do ano.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 26 de decembro a través do formulario dispoñible na web municipal. A recollida de dorsais poderá facerse nos días previos ao evento ou o propio día 31 de decembro de 10.00 a 10.45 h no caso da andaina infantil ou de 11.00 a 11.45 h no caso das e dos participantes na carreira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario