Outono nos muíños, unha visita guiada para explorar o Folón en familia
• O Concello organiza un percorrido guiado con xogos, enigmas e natureza para rapazada de 5 a 10 anos este domingo 7 ás 16.00 h. Necesaria inscrición previa
Infogauda / O Rosal
A rapazada rosaleira coñecerá os segredos que se agochan tras a paisaxe outonal dos Muíños do Folón cunha actividade familiar que transformará o sendeiro nun pequeno laboratorio de curiosidade. O Concello organiza “Outono nos Muíños”, unha visita guiada pensada para familias con nenos e nenas de entre 5 e 10 anos, cun percorrido adaptado e dunha duración aproximada dunha hora. A través de xogos, probas, pistas e enigmas, as crianzas irán desvelando misterios sobre os produtos de tempada, o funcionamento dos muíños e o propio territorio, sempre acompañadas por persoal especializado de Amodo Turismo.
Como explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta proposta combina natureza, aprendizaxe e convivencia familiar nun dos espazos máis simbólicos do noso patrimonio. Queremos que a rapazada medre coñecendo e sentindo como propio este lugar único”. “Os Muíños do Folón son unha aula ao aire libre que nos conecta co territorio e coa nosa historia e actividades así axudan a transmitila dunha forma divertida e participativa”, engadiu a rexedora.
A actividade celebrarase o vindeiro domingo, 7 de decembro ás 16.00 horas cun percorrido polos primeiros muíños da zona do Folón. De balde, a actividade conta con prazas limitadas, polo que é imprescindible facer a inscrición previa contactando con Amodo Turismo a través do correo electrónico patri@amodoturismo.com ou do 677 783 296 a través de teléfono ou WhatsApp.
O punto de encontro da actividade será comunicada ás persoas participantes. En caso de choiva desenvolverase unha proposta alternativa e igualmente participativa no Museo do Cabaqueiro
Con esta actividade o Concello colabora co quiosco dos Muíños do Folón e do Picón A Moa no seu primeiro aniversario, que se celebrará cunha xornada que contará tamén con sesión vermú con música en directo, xantar popular, músicas do mundo e chocolate quente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario