2 de dec. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Cristina Cifuentes causará baixa o resto da tempada debido a unha lesión no nocello esquerdo 

A pivote do Guardés deberá pasar por quirófano debido a varias molestias no nocello esquerdo, polas que se perderá o resto da tempada 

Trala operación, poderá determinarse con máis precisión o tempo de recuperación, que polo momento estímase para un mínimo de 6 meses 

A da pucelana supón a segunda lesión de longa duración deste curso para o equipo baixomiñoto, que espera o regreso de Nerea Gil nas vindeiras semanas 


Cristina Cifuentes nunha acción fronte á porta do equipo visitante
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés perde a un importante efectivo para o que resta de tempada. A pivote Cristina Cifuentes acusaba molestias no nocello esquerdo nas últimas semanas e deberá pasar por quirófano para resolver distintas complicacións. Á espera de determinar unha data para a operación, tras ese momento poderá determinarse con maior precisión a duración do período de rehabilitación, se ben xa se confirmou que a pucelana non poderá acompañar ao seu equipo na segunda metade da tempada.  

 Cifuentes, que vive o seu cuarto curso consecutivo co club baixomiñoto, arrastraba molestias na articulación dende hai un tempo. As consultas médicas determinaron que sofre unha rotura de ligamento importante, así como afectacións na cartilaxe e no óso astrágalo; un conxunto de problemas que soamente poderá resolver no quirófano. Aínda que o seu rendemento no que vai de ano foi exemplar, os esforzos e o esixente ritmo da tempada empeoraron unha lesión cuxo tratamento non pode postergar máis. Nos vindeiros días, a pivote do Guardés concretará os detalles da operación, entre eles, a súa data. 

 A partir da intervención, poderá coñecer tamén como se desenvolverá a súa rehabilitación, para a que espera un tempo mínimo de entre seis e oito meses. É dicir, no mellor escenario posible, Cristina non volverá ás pistas ata a próxima tempada, polo que o equipo baixomiñoto prepárase xa para afrontar a segunda volta cunha menos. En calquera caso, o Club fará todo o posible por asegurar unha recuperación con garantías e evitar correr riscos para o futuro dunha das súas xogadoras máis veteranas. 

 A da valisoletana é a segunda baixa de longa duración que conta o Mecalia este curso, e chega nas derradeiras semanas de recuperación de Nerea Gil, quen supuxera a primeira debido a unha rotura de menisco no xeonllo esquerdo que tamén precisou dunha intervención cirúrxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario