6 de nov. de 2025

DEPORTES

O Guardés e Infomiño unen forzas cun acordo de colaboración 

O Club Balonmán Atlético Guardés e Infomiño.com asinaron este martes un acordo polo cal o medio local convértese en socio de medios do equipo esta tempada 2025/2026 

Trátase dunha colaboración pola que ambas entidades contribuirán á visibilidade mutua a través de contidos exclusivos e dunha maior cobertura das actividades e noticias do Club 

O acordo chega na semana na que o Guardés volve á competición europea, para cuxo financiamento planea lanzar unha campaña específica 


A delegada do equipo e vicepresidenta do Club, Gloria Rodríguez, e o director de Infomiño, Jorge Alonso, pecharon este martes a sinatura do acordo
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés faise cun novo e importante aliado. Este martes, o Club baixomiñoto e o medio local Infomiño.com asinaron un acordo de colaboración socio de medios que busca unha maior difusión e visibilidade para ambas entidades. Unha unión de forzas que chega nun momento vital para o equipo, a apenas días de inaugurar un novo capítulo na competición europea. 

 A delegada do equipo e vicepresidenta do Club, Gloria Rodríguez, e o director de Infomiño, Jorge Alonso, pecharon este martes a sinatura do acordo. A partir de agora, ambas partes inician un camiño conxunto en prol da visibilidade e a difusión do traballo realizado por cada unha delas. A colaboración incluirá contido exclusivo en redes sociais e na web de Infomiño, como entrevistas a membros do equipo, vídeos e campañas especiais e todo tipo de novas sobre a actividade deportiva do Guardés. Ademais, o conxunto baixomiñoto comprométese a promocionar a imaxe do medio nun lugar preferente nas súas distintas canles de comunicación. 

 Esta noticia enmárcase na filosofía de promover ás empresas e iniciativas locais que o Mecalia vén defendendo dende a súa creación. O apoio dos medios de comunicación da zona tales coma Infomiño, ademais, é unha parte fundamental na difusión e  coñecemento das actividades e logros dos seus equipos, ao tempo que estes soportes xornalísticos benefícianse do rendemento dun contido de grande interese para o seu público. Este acordo busca potencia as virtudes dunha relación mutuamente beneficiosa e traballar conxuntamente para ofrecer unha información de maior calidade e valor para a poboación da Guarda e os seus arredores, así como para tódolos seguidores do Club Balonmán Atlético Guardés. 

 Ademais, a alianza chega nun momento fundamental para o equipo da Sangriña. Esta fin de semana, as xogadoras de Ana Seabra viaxarán a Bulgaria para disputar a terceira rolda da EHF European Cup, a súa primeira incursión na competición europea nos últimos dous anos, un logro conseguido cun grande esforzo económico por parte da directiva do Club e de tódolos implicados. Nos vindeiros días, o Guardés lanzará a través da nova plataforma autonómica Terra Move unha campaña específica para financiar a súa participación en Europa e, no futuro e no caso de lograr a clasificación á seguinte fase, poder traer a competición de volta á Guarda. Unha iniciativa para cuxo éxito serán fundamentais acordos coma este. 

 Por todo isto, o Club Balonmán Atlético Guardés celebra esta noticia e agradece a Infomiño.com polo seu interese á hora de estreitar unha relación que non amosou senón un compromiso total coa entidade e os seus diferentes equipos ao longo dos anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario