A biblioteca de Tomiño abrirá as súas portas a comezos do curso escolar
O Concello avanza na posta en marcha do Espazo Isaura Gómez, coa empresa de xestión bibliotecaria traballando a pleno rendemento para a dinamización interna e externa das instalacións
Infogauda / Tomiño
Tomiño xa está a preparar a apertura dunha das infraestruturas culturais máis esperadas dos últimos anos. O Espazo Isaura Gómez, que albergará a nova biblioteca municipal, ten prevista a súa inauguración para o comezo do curso escolar e, dende o pasado mes de xuño, conta xa cun equipo profesional traballando a pleno rendemento para poñelo todo a punto.
Trátase dun paso decisivo na activación deste centro sociocultural de referencia, que integrará nun mesmo edificio a biblioteca, o arquivo municipal, a Aula CeMIT e outros servizos municipais, nunha proposta pensada para converterse nun espazo vivo de encontro, formación, consulta e dinamización cultural.
A empresa LTM Servicios Bibliotecarios, S.L. foi a adxudicataria do contrato de servizo e, durante dous anos, encargarase non só da xestión bibliotecaria e a atención ao público, senón tamén a coordinación de actividades culturais, o apoio á programación dos servizos que compartirán o edificio e a dinamización de contidos dixitais e redes sociais.
O equipo está integrado por dúas persoas, unha bibliotecaria e unha coordinadora de actividades, responsables de deseñar unha programación estable e de garantir a calidade e continuidade dos servizos de lectura, consulta e animación cultural.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que “a posta en marcha do Espazo Isaura Gómez é un fito que marca o futuro cultural do noso concello, porque non se trata só dunha biblioteca, senón dun espazo comunitario aberto a todas as xeracións, no que o coñecemento, a memoria e a creatividade van da man”. A rexedora engadiu tamén que “apostamos por un modelo de xestión profesional, áxil e centrado na veciñanza, que permita que Tomiño teña por fin unha biblioteca á altura do seu dinamismo social e educativo”.
O proceso de licitación, que comezou en febreiro, “foi imprescindible para garantir unha apertura con todos os recursos humanos e técnicos necesarios. Desde o Concello estase tamén a ultimar a planificación da inauguración, prevista para o mes de setembro, e das primeiras actividades abertas ao público”.
“Con este novo paso, Tomiño dá un salto cualitativo na súa rede de servizos públicos, consolidando o seu compromiso co acceso á cultura, á información e ao coñecemento como piares do benestar e do desenvolvemento local”, afirman desde o goberno municipal que preside a alcaldesa Sandra González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario