10 de maio de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra recomenda manter a vixilancia periódica sobre as viñas ante posibles síntomas de mildio que poden aparecer a pesar dos tratamentos realizados 

 O persoal de Areeiro sinala no aviso fitosanitario semanal que se recibiron ataques importantes en pampo e mais en acio, e que as previsións meteorolóxicas previstas para os próximos días son favorables tanto a este como a outros patóxenos


Mildiu en acio
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra aconsella no novo aviso fitosanitario semanal do persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro seguir mantendo as precaucións tomadas con semanas anteriores nas viñas respecto ao mildio e outros patóxenos. A combinación dunha meteoroloxía inestable, con humidade relativa elevada, precipitacións abundantes (mesmo con aviso amarelo), tronadas e temperaturas suaves-altas (con baixada das mínimas e aumento das máximas), favorecen o desenvolvemento tanto deste como doutros patóxenos, polo que se recomenda manter as recomendacións de vixilancia periódica especialmente dos acios, por se se produce un incremento de síntomas a pesar dos tratamentos realizados, así como controlar a vexetación acompañante.  

 Os técnicos provinciais recomendan comprobar que non haxa frutificación ou zonas de avance das manchas antigas, en especial nos predios que levan máis tempo sen recibir tratamentos. No caso de que se comprobe unha evolución da enfermidade, cómpre seleccionar moi ben os funxicidas. Deben ser sistémicos para protexer os novos crecementos, e ter unha acción curativa e tamén preferiblemente antiesporulante, sobre todo nos casos onde hai xa ataques importantes do patóxeno.  

 A pesar de que o equipo de Areeiro só atopou un ataque forte na súa rede de parcelas (en Cambados), si se recibiron informacións de diversas fontes de alta presenza de mildio, mesmo en pampo e acio e un caso de ata o 30% de acios afectados. O que si detectou Areeiro foron as primeiras manchas en follas de plantas abandonadas en camiños e muros, que só se adoitan atopar con condicións meteorolóxicas moi favorables.  

 Tamén se detectaron avances nos síntomas de botrite, que se manteñen na zona de Condado e en predios moi concretos. Ao manterse as condicións de humidade relativamente elevada polas choivas, apareceu a frutificación do fungo nas follas que xa posuían síntomas significativos. Os prognósticos levan consigo vixiar se se comezan a manifestar síntomas tamén nas follas lesionadas por vento ou sarabia, nos gromos rotos polos ventos ou nos acios nos que comece a haber flores abertas. Tamén no Condado se atoparon os primeiros síntomas de black rot, nas plantas abandonadas pero non nas parcelas tratadas nin das de calquera outra comarca. Nos predios con antecedentes de danos por este fungo recoméndase que os funxicidas escollidos tamén estean rexistrados para controlalo cando se interveña fronte ao mildio ou o oídio.  

 Ademais, o aviso fitosanitario recolle observacións respecto a outras cuestións como a avelaíña da maceira e a pereira. A este respecto, salientan que na parcela de Areeiro se incrementou sensiblemente o número de capturas de machos na trampa, pero aínda non se van realizar tratamentos para comprobar a evolución. No que corresponde coa lepra das froiteiras de óso, o persoal da Deputación sinala que hai bastantes plantas con síntomas máis ou menos intensos da enfermidade e lembran que aínda se poden aplicar funxicidas para reducir os seus danos.  

 Por último, mantense o aviso da semana pasada respecto ás bacterioses do kiwi: cómpre non descoidar os tratamentos para evitar os danos que poden causar sobre a futura floración, e renovar as intervencións preventivas de acordo ao período de protección polo menos ata a apertura da flor. E recoméndase vixiar as plantas de horta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario