O BNG leva ao Senado a necesidade de rexenerar o río Miño e poñer fin á súa privatización
• Carme da Silva preguntará ao Secretario de Estado de Medio Ambiente sobre os plans do Goberno para frear a degradación ambiental do Miño e garantir o seu uso público e sustentábel
• No marco da folla de ruta compartida do BNG, a senadora nacionalista exixirá frear a privatización do río e “devolver ao servizo das persoas e do territorio”
Infogauda / O Baixo Miño
A senadora do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, preguntará na cámara alta ao Secretario de Estado de Medio Ambiente sobre a urxencia de impulsar un plan integral de rexeneración ambiental do río Miño e poñer fin á súa privatización encuberta por parte de intereses privados, nomeadamente os do grupo de presión eléctrico. Esta iniciativa enmárcase dentro da folla de ruta avanzada polo BNG en todas as institucións onde ten representación e contacto cos sectores afectados polo actual estado do río.
“O río Miño é un espazo natural de enorme valor ambiental, social e económico, pero leva décadas abandonado polos gobernos do Estado, de PP e PSOE. Está na hora de actuar e de poñelo ao servizo das persoas e do territorio, non dos beneficios dunha multinacional”, afirmou a senadora nacionalista.
O BNG leva meses impulsando unha folla de ruta para recuperar o río Miño como un espazo vivo e compartido, cun enfoque transfronteirizo e unha planificación sostida no tempo. Da Silva insistirá na necesidade de crear unha autoridade conxunta entre a Galiza e Portugal, con competencias reais, que supere a visión militarizada da actual Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM) e permita unha xestión moderna, ambiental e pública deste espazo natural.
“O Miño non pode seguir sendo un caudal regulado unicamente en función do prezo da electricidade. Iso ten consecuencias gravísimas para o ecosistema, a pesca tradicional e as comunidades locais”, advertiu. A senadora galega exixirá explicacións sobre a pasividade do Goberno español diante de proxectos como a nova central hidroeléctrica de bombeo en Crecente, promovida pola empresa Naturgy, que suporía “un novo paso na apropiación privada dun ben común”.
Carme da Silva tamén pedirá que o Goberno avalíe os impactos ambientais e sociais da actual xestión da central da Frieira e valore alternativas sustentábeis baseadas na conservación e recuperación do ecosistema fluvial. Do punto de vista ambiental, a senadora alerta da multitude de especies invasoras, tanto vexetais como animais, que ninguén está a controlar e a actuar hoxe en día.
“O Goberno non pode seguir mirando para outro lado mentres se degrada un espazo incluído na Rede Natura 2000. Queremos saber se ten vontade real de actuar e de protexer o río Miño como merece” conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario