26 de maio de 2025

GALICIA

“Enredando Tour Amtega” percorrerá 20 localidades galegas, entre elas O Rosal, para contribuír á mellora da autonomía dixital na sociedade  

Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolven esta iniciativa para reducir a fenda dixital en persoas con 55 e máis ano 




Cruz Vermella / Galicia 

 A presentación do “Enredando Tour Amtega 2025” tivo lugar hoxe en Silleda, unha das localidades nas que, nesta edición, estanse a desenvolver obradoiros cuxo principal obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos.  

 O conselleiro de Facenda, Miguel Corgo, a presidenta de Cruz Vermella, Mercedes Casanova e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, foron as persoas encargadas de dar a coñecer os detalles e novidades desta iniciativa. 

 Para promover a capacitación dixital das persoas participantes nos obradoiros cóntase cunha furgoneta equipada con todos os dispositivos necesarios (portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes...) e móntase un espazo formativo itinerante nun lugar céntrico de cada localidade para favorecer a participación das persoas que desexen participar e vivan nela. O tour fará parada no Rosal o día 28 de maio, concretamente na praza do Calvario.  

 A iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas con 55 e máis anos non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por outra, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas.  

 Esta actividade é froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella en Galicia, que se uniron por terceiro ano para facer este roteiro e este programa formativo en competencias dixitais pola nosa comunidade autónoma. 

 Reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende Cruz Vermella en Galicia é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros. 

Contidos e novidades 

 Os obradoiros son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e desenvolveranse polas mañás en horario de 10 a 14 horas. Neles ofrécense contidos formativos que faciliten o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. O máis importante é que o colectivo pérdalle o medo ás tecnoloxías e que desenvolva habilidades básicas ao familiarizarse con aplicacións que empregan intelixencia artificial e con conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e a ciberseguridade. Ademais, como novidade, realizaranse obradoiros para mellorar a capacitación dixital en persoas que estean á procura ou mellora de emprego.  

 As persoas interesadas nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es

 No espazo das formacións daráselles tamén o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da web enredando.gal  

Sobre Enredando Tour  

 Trátase dunha actividade organizada por Cruz Vermella no marco do convenio de colaboración coa Amtega, para a execución do programa formativo itinerante en competencias dixitais. Esta acción desenvolverase desde maio de 2025 en 20 localidades de Galicia, co obxectivo de minguar os efectos da fenda dixital nas persoas con 55 e máis anos e o público en xeral.   

Sobre Cruz Vermella  

 Cruz Vermella pertence ao maior movemento humanitario do mundo. Colabora con entidades públicas e privadas para que a axuda e a dignidade cheguen a todas as persoas en calquera lugar, e en todo momento e circunstancia. A súa misión é previr e aliviar o sufrimento humano, protexer a vida e a saúde e facer respectar ás persoas.  

 Os seus máis de 254.000 persoas voluntarias dan resposta en 1.263 municipios, o que permite atender anualmente a máis de 11,8 millóns de persoas. Todo iso co apoio de 1,3 millóns de persoas socias, empresas e alianzas en todos os sectores da sociedade.  

 Cruz Vermella Española continúa coa súa loita contra todas as formas de vulnerabilidade adaptándose e anticipándose aos escenarios de futuro, aberta á poboación xeral, incidindo na contribución firme e consistente aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. 

 Cruz Vermella Española pertence ao Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella presente en 191 países. Actuando sempre baixo os seus sete Principios Fundamentais: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.   

Sobre Amtega  

 A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario