BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés xógase un complicado pase a semifinais
• Este sábado, 10 de maio, ás 19:00 horas, no pavillón municipal A Sangriña
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés afronta o duelo decisivo polo pase a semifinais. Este sábado, 10 de maio, ás 19:00 horas o pavillón municipal de A Sangriña recibirá ao Caja Rural Aula Valladolid para disputar o partido de volta de cuartos de final da eliminatoria polo título da liga Guerreiras Iberdrola 2024/2025. Nel, as de Ana Cristina Teixeira Seabra deberán empregarse a fondo e valerse da súa afección para manterse na loita polo trofeo ligueiro, xa que tras a súa avultada derrota (34-28) do mércores en Huerta do Rey, necesitarán unha renda de polo menos sete goles para vencer esta primeira eliminatoria.
O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro con cautela e buscando maximizar a súa concentración. A tendencia á baixa coa que viña terminando a liga regular, nunha recta final na que acumulou varias derrotas consecutivas unha vez selado o liderado, pareceu confirmarse como un problema maior o pasado mércores en Valladolid. O partido de ida non deixou boas sensacións sobre a pista para as de Ana Cristina Teixeira Seabra, que pecaron dun xogo moi impreciso e non puideron cunha Aula moi forte no seu feudo e que chegou a ter unha vantaxe de nove goles. Aínda que na segunda metade o persoal guardés demostrou un ritmo algo máis cohesionado, non foi suficiente para dominar o encontro nin para manter a vantaxe local en distancias seguras, polo que finalmente caeu pola mesma diferenza de seis goles (17-11) que o marcador acusaba o descanso.
Así, este sábado, para certificar o seu pase a semifinais e avanzar na loita polo título, o Mecalia Atlético Guardés deberá vencer como anfitrión por unha renda de polo menos sete tantos. Unha misión non imposible, pero que será complicada se as xogadoras da Sangriña non atopan a concentración que tanto as caracterizou ao longo da liga regular. Este equipo é especialista en remontadas, e así o demostrou en numerosos encontros desde o mes de setembro, pero se algo está claro é que deberá estar na súa mellor versión para cumprir coa tarefa. As perdas de balón, as imprecisións en defensa e os pases precipitados foron a causa da derrota do mércores, erros que non poden permitirse este sábado se queren continuar de verdade no camiño cara ao título de Liga.
De novo a adestradora Seabra contará con todas as súas xogadoras - agás Elena Martínez -, xa completamente coordinadas tras varios encontros que serviron a modo de toma de contacto para algunhas lesionadas como Ceci Cacheda ou Jazmín Mendoza. Non é segura aínda, pero é posible a incorporación de María Español como reforzo procedente da base do equipo.
Por iso o Mecalia Atlético Guardés deberá poñer todo do seu parte para superar con carácter a un Caja Rural Aula Valladolid que, con todo, demostrou unha gran fortaleza o mércores como anfitrión. Jimena Lagoa, con sete acertos no partido de ida, e por María O’Mullony e Amaia González de Garibay, con seis cada unha, supoñen un potente trío goleador que ameaza con volver poñer en problemas ao Mecalia Atlético Guardés este sábado, da man con outros efectivos importantes para o equipo valisoletano como Martina Romero ou Marcela Arounian. E sen esquecer, por suposto, o significativo papel da gardameta Alicia Robles, que o mércores fartouse de bloquear balóns guardeses e foi en gran medida capaz de limitar as opcións de vitoria do conxunto da Sangriña.
O deste sábado será un encontro de todo ou nada para o Mecalia Atlético Guardés, e para o que o club chamou ao máximo apoio da súa afección. O Inferno deberá ser un fortín que leve polo aire ás súas para non ver desvanecerse o traballo de toda a tempada. A misión está clara e deberá ser o único na mente das xogadoras da Guarda, que aínda teñen que dicir a última palabra destes cuartos.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Temos que crer que é posible pasar, mesmo coa desvantaxe que temos”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, é consciente da dificultade da tarefa, pero ten unha folla de roteiro moi claro para mañá: “Temos que corrixir os erros do mércores e temos que crer que é posible pasar, mesmo coa desvantaxe que temos”, explica.
A técnica apunta precisamente ao aspecto psicolóxico como unha das claves para dominar o partido e conseguir dar a volta á eliminatoria, e por iso aínda que “sabemos que non será fácil”, Seabra celebra o feito de que o equipo poida “contar coa axuda da nosa afección unha vez máis”. Este sábado máis que nunca, O Inferno deberá actuar como a oitava xogadora sobre a pista.
Polo demais, a preparadora do Mecalia Atlético Guardés atribúe o desastre do mércores tamén a unha cuestión de mentalidade e dificultades para entrar no xogo. “Sabemos que temos que estar nun alto nivel de concentración e eficacia”, conclúe Ana. Cumprido este requisito, as súas terán claro o que facer: tirar da maxia e do mellor balonmán que souberon demostrar en tantas ocasións ao longo deste ano.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Cuartos de final (volta)
Mecalia Atlético Guardés – Caja Rural Aula Valladolid
Sábado, 10 de maio, ás 19:00 horas no pavillón municipal A Sangriña
Ningún comentario:
Publicar un comentario