O Concello de Oia aproba o seu orzamento para 2025 cun importe de 2,1 millóns de euros
• Entre as principais novidades inclúense axudas económicas polo nacemento dun fillo ou filla en familias empadroadas no municipio
Infogauda / Oia
O pleno do Concello de Oia vén de aprobar de forma inicial o proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2025, que ascende a un total de 2.167.561,26 euros. A aprobación inicial levouse a cabo na sesión plenaria celebrada este xoves día 26, contando co voto a favor do equipo de goberno e a abstención dos demais grupos políticos municipais.
A alcaldesa, Cristina Correa, destacou a boa saúde financeira do Concello, con débeda cero, e explicou que as contas para 2025 están baseadas en ingresos e gastos realistas, tendo en conta o incremento experimentado nunha serie de servizos que consumen unha grande cantidade de recursos das arcas municipais. Ademais, realizouse un grande esforzo de axuste para manter conxeladas, por oitavo ano consecutivo, as taxas e impostos, atendendo á dificultade que supón para as familias o incremento do custo da vida nos últimos anos.
Entre as principais novidades do orzamento para o próximo ano inclúese unha aposta polo fomento da natalidade, con axudas económicas ás familias empadroadas no concello polo nacemento dun fillo ou filla. En concreto, a axuda será de 200 euros por cada nacemento que se producira durante 2024, e a cantidade deberá ser consumida no comercio local en gastos relacionados coa crianza do fillo ou filla. Outra novidade relacionada co apoio ás familias oienses será a incorporación, a partir de xaneiro, dunha educadora familiar no Concello.
Destacan tamén as partidas orzamentarias para o subministro eléctrico (175.000 euros), o Servizo de Axuda no Fogar (325.000 euros), a recollida e xestión de residuos (140.000 euros) e o servizo de limpeza de edificios públicos.
O capítulo de investimentos tamén inclúe unha partida 38.700 euros que irá destinada a diversas actuacións, tales como adquisición de terreos, mobiliario urbano, melloras no tendido eléctrico, compra de contedores, melloras de equipos informáticos e investimentos en bombas. Con cargo a esta mesma partida tamén se asumirá parte da achega municipal ás obras de rehabilitación da praza de abastos actualmente en curso.
Subvencións
A alcaldesa subliñou que as contas de 2025 dan continuidade á colaboración coas traídas de augas veciñais, destinando 25.000 euros a subvencións nominativas. Así mesmo, séguese apostando pola conciliación familiar, cunha partida para cubrir o servizo de aula de acollida no CEIP Mestre Manuel García e cunha dotación económica para os campamentos de verán en Santa María de Oia e Refoxos.
Outras asociacións sen ánimo de lucro da comarca, como Cruz Vermella, San Xerome Emiliani, Fibromiño, Vontade, Asociación Contra el Cáncer e SOS Tomiño, tamén recibirán unha achega municipal.
En materia de subvencións tamén destaca o apoio ao deporte, manténdose as axudas a clubs, e á celebración dos tradicionais curros, neste caso con partidas para as asociacións organizadoras das tres citas que teñen lugar no municipio (A Valga, Torroña e Mougás).
Ningún comentario:
Publicar un comentario