Graves deficiencias estruturais e de accesibilidade no IES San Paio, de Tui
• A comunidade educativa do IES San Paio de Tui denuncia graves deficiencias estruturais e de accesibilidade que comprometen o funcionamento do centro
Infogauda / Tui
A comunidade educativa do IES San Paio, de Tui denuncia públicamente que ese instituto de educación secundaria “atópase nunha situación crítica debido a múltiples problemas de infraestruturas e accesibilidade que dificultan o desenvolvemento das actividades educativas e poñen en risco a seguridade de alumnado e profesorado. Estas deficiencias veñen sendo denunciadas por sucesivos equipos directivos ao longo de máis dunha década, sen que se aplicasen solucións reais e efectivas”.
“Un dos problemas máis urxentes - indicaron a este xornal dixital transfronteirizo - son as filtracións de auga no pavillón deportivo, que provocan que entren litros de auga cada vez que chove. Este feito impide o uso dos vestiarios e compromete a seguridade do alumnado, especialmente coa chegada da época de choivas. A situación, comunicada á Unidade Técnica desde o curso 2023-2024 con vídeos e fotografías, aínda non obtivo resposta nin solución. Ademais, a pista do pavillón atópase en estado de deterioro avanzado, con fendas e superficies esvaradías que aumentan o risco de lesións”.
Ascensor fora de servizo
A comunidade educativa do IES San Paio, de Tui, refire que “outro problema de extrema gravidade é a avaría do ascensor, inutilizado desde hai dous meses. Segundo a empresa responsable, o elevador debe ser substituído por un novo, pero o proceso administrativo é lento. Esta situación afecta especialmente ao persoal e alumnado con mobilidade reducida, que ven vulnerado o seu dereito á accesibilidade. Ademais, incumpriría a Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade, o que resulta inadmisible nun edificio público. As persoas con mobilidade reducida vense obrigadas a empregar as escaleiras, poñendo en perigo a súa integridade física, especialmente nos días de choiva”.
Deterioro do edificio principal
“Estas problemáticas non son casos illados, senón parte dun deterioro estrutural máis amplo que afecta tanto ao edificio principal como a outras instalacións do centro. Desde hai 5 anos as filtracións tamén se producen no edificio principal. O salón de actos e a planta baixa tamén sofren humidades persistentes, agravadas porque as obras de acondicionamento do edificio son insuficientes e as xa realizadas están sen rematar.
Os sucesivos informes elaborados polo centro, o último en decembro de 2022, describen con detalle as condicións precarias das instalacións: falta de accesibilidade, filtracións xeneralizadas, deficiencias no illamento e eficiencia enerxética, e o estado do patio e outras zonas comúns. Nunha visita presencial en marzo de 2023, o anterior director explicou en detalle estas necesidades ao Director Territorial, acompañando a exposición con planos e imaxes. A pesar dos compromisos adquiridos, as respostas están a ser extremadamente lentas e insuficientes”.
A comunidade educativa do IES San Paio, de Tui reclama “unha actuación urxente e integral que solucione estas deficiencias, garantindo un espazo accesible, seguro e adecuado para a formación do alumnado. A situación actual non só dificulta o funcionamento normal do centro, senón que compromete dereitos fundamentais e a seguridade de todas as persoas usuarias”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario