Tui acollerá este Nadal o Taller Máxico de Papá Noel
• No edificio da praza da Inmaculada poderase gozar coa maxia destas datas, do 30 ao novembro ao 5 de xaneiro
Infogauda / Tui
Tui dinamizará a súa programación de Nadal este ano cun espazo único e inesquecible: o Taller Máxico de Papá Noel. Un espazo que transformará o edificio dos antigos xulgados, na praza da Inmaculada, dende o 30 de novembro até o 5 de xaneiro. Este lugar máxico converterá a cidade nun verdadeiro conto de Nadal, ofrecendo diversión e solidariedade tanto para pequenos coma para maiores.
A partir do 30 de novembro, co tradicional acendido das luces de Nadal, os elfos de Papá Noel trasladarán a Tui o taller de xoguetes máis famoso do mundo, cunha ambientación chea de maxia e unha iluminación espectacular. O Taller Máxico de Papá Noel recreará espazos como a oficina postal, onde os nenos e nenas escribirán e decorarán a súa carta para depositala no buzón especialmente preparado. Coñecerán o obradoiro de xoguetes dos elfos e o despacho desde o que Papá Noel atende a lista máxica de desexos dos cativos e cativas. Tamén poderán acceder á cociña onde se elaboran as galletas e o chocolate quente, a comida favorita dos elfos.
O Taller Máxico de Papá Noel, na praza da Inmaculada, abrirá do 30 de novembro ao 22 de decembro, de luns a venres de 17:00 a 20:00, e durante os festivos e fins de semana de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00.
Desde o 23 de decembro e ata o 5 de xaneiro, ampliará o seu horario, abrindo de luns a domingo de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00. É importante destacar que os días 24 e 31 de decembro o horario será reducido de 11:00 a 14:00 e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerá pechado.
Desde o 26 de decembro, o taller recibirá aos paxes dos Reis Magos, que se aseguraran de que as cartas de todos os nenos para as súas maxestades sexan atendidas a tempo.
Ademais, o espazo acollerá a Árbore dos Desexos, unha iniciativa solidaria de emedia.gal en colaboración con SOS Tomiño Baixo e o Concello de Tui que permitirá que os nenos con menos recursos tamén reciban o seu agasallo neste Nadal. Para participar só hai que achegarse á arbore e seleccionar unha das tarxetas que brotan das súas ramas, nas que os máis pequenos plasmaron os seus desexos para este Nadal. Poderase comprar ese agasallo e entregalo á Policía Local de Tui ou depositalo na sede de SOS Tomiño Baixo Miño, para que a maxia do Nadal poida chegar a todos os fogares da nosa cidade neste Nadal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario