Exposición RURALTXA!
• Este venres 29 de novembro, ás 20:00 horas, no local do IEM, será inaugurada a exposición RURALTXA!
IEM / Gondomar
O Proxecto RURALtXA! persegue o impulso da bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandeiría extensiva de montaña, á vez que se conserva a biodiversidade, con especial atención ós hábitats naturais de queirogais e turbeiras. Os queirogais dependen dos cabalos salvaxes e da gandaría extensiva para o seu mantemento e conservación. Cá perda destas actividades tradicionais, a supervivencia deste valioso ecosistema de montaña vese ameazada. Fronte a isto, co impulso e posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais ante a sociedade pretendemos contribuir ó mantemento destes hábitats de interese comunitario.
Trátase dun proxecto en consorcio entre as universidades de A Coruña e Santiago de Compostela, xunto á fundación vasca HAZI, o cal conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Este proxecto desenvólvese entre Galicia e Eukadi, e concretamente en Galicia na Serra do Xistral, Monte Maior, Serra da Faladoira e Serra da Groba, abarcando 19.365 ha, 25 comunidades de montes, 10 concellos, 3 provincias e 1.625 propietarios.
Como parte do proxecto deseñamos unha exposición fotográfica itinerante composta de 35 paneis que fai un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario