26 de set. de 2024

TURISMO

A Deputación celebra o Día Mundial do Turismo en Cabo Silleiro e sitúa a provincia como o destino líder de Galicia deste verán 

“Turismo e paz” é o lema escollido pola Organización Mundial do Turismo para celebrar esta efeméride no 2024. Por este motivo a Deputación festexou esta xornada en Cabo Silleiro, “un antigo lugar de guerra hoxe reconvertido nun recurso turístico de primeira orde onde atopar paz” 


A Deputación de Pontevedra adiantou a celebración do Día Mundial do Turismo, que cada ano ten lugar o 27 de setembro, para visitar Cabo Silleiro

Foto: D.P.

Infogauda / Baiona

 A Deputación de Pontevedra adiantou a celebración do Día Mundial do Turismo, que cada ano ten lugar o 27 de setembro, para visitar Cabo Silleiro e facer balance dos datos turísticos do verán do 2024 que sitúan a provincia como o destino líder de Galicia. “Turismo e paz” é o lema escollido pola Organización Mundial do Turismo para celebrar neste 2024 esta efeméride e, por este motivo, a Deputación escolleu como escenario o faro pequeno de Cabo Silleiro, “un antigo lugar de guerra hoxe reconvertido nun recurso turístico de primeira orde onde atopar paz”, destacou a deputada Nava Castro.  

 Para a Deputación de Pontevedra é fundamental festexar o Día Mundial do Turismo “para concienciar sobre o valor desta actividade económica, que transcende ao social, cultural e mesmo político”, destacou a deputada de Turismo. Sobre o lema deste ano elixido pola Organización Mundial do Turismo, Nava Castro fixo fincapé no poder transformador desta actividade económica, tanto para fixar poboación como para fomentar o diálogo e promover o entendemento. Neste eido, puxo como exemplo de intercambio intercultural e símbolo de paz ao Camiño de Santiago, cuxa ruta portuguesa pola Costa pasa precisamente por diante de Cabo Silleiro.  

 A deputada provincial aproveitou a ocasión para facer balance dos resultados turísticos do pasado verán proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que situaron a provincia como líder do ranking de destinos turísticos galegos. Deste xeito, a provincia recibiu preto do 40% dos visitantes que acudiron a Galicia, catro de cada dez, sendo, principalmente, persoas procedentes do territorio nacional (71%), e que a ocupación media foi un 4% superior á rexistrada no verán do 2023, “situándonos na cabeza dos destinos galegos, por riba da Costa da Morte, as Rías Altas e a Mariña lucense”.  

 Nava Castro tamén recordou que as oficinas da rede Info Rías Baixas atenderon a 251.658 persoas durante o verán, o que supón un incremento do 25% con respecto ao ano anterior, que os castelos de Soutomaior e Sobroso foron visitados por 22.557 persoas e que os camiños cara Santiago que atravesan a provincia de Pontevedra foron percorridos por 92.799 peregrinos, detectándose o maior incremento con respecto ao verán pasado na ruta portuguesa pola costa.  

 No que respecta ao mes de agosto, tal e como informou a deputada provincial, a provincia recibiu ao 38% dos visitantes que chegaron a Galicia, cun total de 293.000 visitantes que supoñen un 12% máis que no mesmo mes de 2023. No caso deste mes, tal e como detalla o INE, a ocupación media superou o 75,5% e  aumentou case un 5% con respecto a agosto de 2023.  

 Sen ter os datos de setembro pechados, Nava Castro explicou que ata a data foron atendidas na oficina central de Turismo Rías Baixas en Pontevedra un total de 3.351 persoas visitantes; percorreron os castelos de Sobroso e Soutomaior 3.200 persoas e ata 21.339 peregrinos seguiron algunha das vías que atravesan a provincia cara Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario