26 de set. de 2024

TUI

A renovada praza de abastos, con un novo concepto de mercado, será inaugurada este sábado 

 Actuarán Sheila Patricia, as Arrancaxestas e Nuno Louro. Tamén haberá animación infantil e unha degustación gastronómica


 Vista do intereior da nova praza de abastos de Tui, o Mercado de San Antonio
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Este sábado, a partir das 11:30 da mañá, terá lugar o acto inaugural da nova praza de abastos de Tui, o Mercado de San Antonio, un evento festivo que marcará o inicio dunha nova etapa para este espazo comercial e de lecer, situado na rúa Maristas. Tralo proceso de reformas executado ao longo do último ano, o mercado abre as súas portas cun novo concepto, renovado e con novos servizos.  

 No acto intervirán o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio, Ana Núñez, o subdelegado do goberno, Abel Losada, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén Castro e a deputada de Turismo, Nava Castro. Estarán presentes os arquitectos redactores do proxecto de reforma do mercado, Iago Fernández e Álvaro Touza, o xerente de Plaintec, Roberto Pardo, empresa que executou as obras, así coma praceiros e praceiras.  

 A música será un dos elementos destacados deste evento, coa actuación de Sheyla Patricia, que co seu canto tradicional demostra a riqueza do son galego que mestura con diversas formas de música electrónica, que será a encargada de abrir o acto Coma peche actuarán as pandereteiras As Arrancaxestas da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro, que ofrecerán tamén unha peza conxuntamente con Sheyla Patricia.  

 Tras o acto inaugural as autoridades realizarán un percorrido polos postos no interior do mercado. Mentres no exterior haberá diversas actividade animación para todos os públicos con música en directo con Nuno Louro,  animación infantil con Barafunda, a ruleta do mercado, premios,...

 Non faltará a gastronomía, presente nos distintos postos do mercado de peixe, carne, flores, froita, produtos gourmet, e restauración. Amais haberá unha degustación de produtos do propio mercado grazas á colaboración do Concello e os praceiros e praceiras, así coma de viños da zona grazas á colaboración de Almacén Urbano coas adegas Terras Gauda, Valmiñor e Aforado.  

 Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía a participar neste acto inaugural e festivo que marca o inicio dunha nova etapa para o Mercado de San Antonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario