25 de set. de 2024

O ROSAL

O Rosal percorre o río da Cal nunha nova cita coas súas andainas interpretativas  

 A ruta será o 5 de outubro e terá unha dificultade moderada. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse enviando un correo electrónico a rutas@orosal.gal


O Concello do Rosal continúa achegando á veciñanza cada recuncho do municipio coas súas andainas interpretativas
Foto: C.O.R.
   

Infogauda / O Rosal   

 O Concello do Rosal continúa achegando á veciñanza cada recuncho do municipio coas súas andainas interpretativas, pequenos percorridos pola contorna para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e natural que o conforman dun xeito ameno, sinxelo e divertido.  

 O vindeiro sábado 5 de outubro será a quenda da cuarta saída, un roteiro matinal percorrendo todo o río da Cal, dende As Cruces ata a ermida de san Martiño polos seus saltos, pozas, fervenzas e muíños.  

 Trátase dunha andaina cunha distancia de 8 quilómetros e unha duración aproximada de 3,5 horas que ofrece un percorrido circular cun desnivel acumulado de 350 metros e cunha dificultade moderada. Unha ruta que achegará a todas e todos os participantes á antiga canteira na que se extraía a pedra para facer as rodas dos muíños, pasando por San Martiño e baixando de novo polo Chan da Cereixa. 

 As persoas interesadas en participar poden inscribirse nesta nova ruta enviando un correo electrónico a rutas@orosal.gal ata o vindeiro mércores 2 de outubro. É imprescindible realizar un rexistro individual para cada unha das persoas participantes. O número de prazas estará limitado a un máximo de 30 persoas e abrirase unha lista de agarda unha vez superado o aforo. Comunicarase ás persoas participantes a hora e o lugar de encontro para a realización da actividade. 

 Como sinala José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Turismo e Deportes, “este ciclo de andainas non só son unha forma estupenda de promover hábitos de vida saudables, senón tamén unha ferramenta para conectar coa nosa contorna natural, patrimonial e cultural. Queremos que as e os participantes descubran recunchos únicos no noso concello e comprendan o valor que teñen para todas e todos nós”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario