25 de set. de 2024

DEPORTES

Un milleiro de participantes quenta motores para a XI 15K do Atlántico   

 A proba celebrarase este domingo 29 de setembro, e terá un fin solidario a favor da Asociación Contra o Cancro de Páncreas  


Autoridades e representantes da organización, na presentación do evento na mañá de onte, na praza do Reló, de A Guarda

Foto: C.O.R.

Infogauda / Redacción Deportes

 A 15K do Atlántico Banco Mediolanum quenta motores para a carreira que se celebrará este domingo 29 de setembro, unha proba que chega xa á súa undécima edición con preto de 1.000 participantes e cun claro fin solidario a favor da Asociación Contra o Cancro de Páncreas (Acanapan), cumprindo a última vontade de Daniel González Adrover (Dani), xérmolo de Un sorriso que ilumine o mundo.  

 O concelleiro de Deportes do Rosal, José Carlos Martínez Crespo, destacou a importancia deste evento para a comarca que tamén permite reivindicar “que no Rosal, aínda que moita xente non o saiba, tamén temos mar. O impresionante miradoiro de Portecelo será, de feito, o punto de saída da proba máis corta da 15K do Atlántico”. Martínez Crespo, que o ano pasado xa participou na andaina, prometeu repetir este ano e achegar o seu gran de area.  

 A carreira volve realizar un ano máis o mesmo percorrido unindo Oia, O Rosal e A Guarda por un trazado incomparable como é o Camiño de Santiago pola Costa. 

 O evento contará con tres opcións para as persoas participantes: a tradicional 15K, ou a Mini 15K, de 7,5 quilómetros que vai dende Portecelo ata A Guarda e a andaina de 15 quilómetros.  

 En caso de non poder participar na proba e querer colaborar co carácter solidario da 15K, as persoas interesadas poderán adquirir a camiseta conmemorativa do evento. A recadación íntegra doarase a Acanapan. 

 O concelleiro anima a todas as persoas a participar e a facerse cos últimos dorsais para a proba, que se atopan dispoñibles ata hoxe mércores 25 de setembro na web da organización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario