A ASOCIACIÓN CULTURAL PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ, ORGANIZA UNHA EXPOSICIÓN COLECTIVA
Na que serán postas á venda obras de 12 artistas
Ricardo Rodríguez Vicente / Goián
Tomiño é - en xeral - terra de artistas, e Goián - en particular - é boa proba desa afirmación intanxíbel. En calquer caso, ninguén dubida que o relembrado pintor don Antonio Fernández Gómez (Goián, 17 de febreiro de 1882 - 20 de novembro de 1970) é todo un referente. E na súa vila natal atópase a Aula - Museo Antonio Fernández, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa Arbones, e ubicada nas antigas escolas. Un espazo que convida a facer un percorrido pola vida e a obra do pintor, a través de obxectos, documentos e fotografías, que nos achega ás diferentes facetas de Antonio Fernández; persoal, artística, arqueolóxica, fotográfica, filantrópica e xornalística, e nos permite afondar na vida e personalidade deste grande artista.
Un certame de pintura que leva o nome do ilustre goianés e un monumento - da autoría de Magín Picallo - na praza adicada ao pintor, son - entre outras - probas inequívocas da estima que se lle ten á memoria de Antonio Fernández.
A todo iso, hai que salientar agora que a Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, coa colaboración do Concello de Tomiño e a Comisión de Festas Virxe dos Remedios e San Cristovo de Goián, 2024; organiza unha exposición colectiva - poñendo á venda ás obras que serán expostas -, que terá lugar no Espazo Cultura Mercado de Goián.
A devandita exposición colectiva será inaugurada o domingo día 30 de xuño, ás 12:00 horas e poderase visitar ata o día 8 de xullo.
Na exposición estarán obras de Liliya Pobornikova, Antonio Fernández, Nando Álvarez, Xavier Pousa, Magín Picallo, Antúnez Pousa, Silverio Rivas, Buciños, Xoán Piñeiro, Carlos Fernández, Xuxo Vázquez e Cuqui Piñeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario