Orpagu supera o reto ergonómico das tarefas pesadas grazas a exoesqueletos de prezo alcanzable e aptos para usar en espazos reducidos
• Dous anos despois do inicio do proxecto Autopesca, subvencionado con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a organización guardesa leva á súa planta de Tui á vangarda da tecnoloxía.
• A colaboración dos palangreiros guardeses co Centro Tecnolóxico de Automatización de Galicia e Josmar resultou un éxito que chamou a atención doutras empresas e centros de investigación.
• Para o pelado da quella conxelada, moi complicado e que require da pericia de traballadores especializados, innovouse nun sistema semiautomático pendente de patente.
• Innovar para avanzar é o obxectivo de Orpagu que incluíu na súa xornada final de difusión do proxecto de I+D unha cata de novos produtos.
Mar Bermúdez / Tui
No fito de alcanzar desde A Guarda o liderado do palangre de superficie europeo ten moito que ver a aposta continua de Orpagu pola innovación a todos os niveis. En terra, cunha planta frigorífica intelixente, e no mar, cunha frota sostible e dotada da mellor tecnoloxía para ser máis eficiente. Agora, tras a finalización do proxecto Autopesca, os palangreiros guardeses apostan pola harmonización dos postos de traballo, tanto a bordo do buque como no seu frigorífico situado no polígono industrial de Tui.
Tras dous anos de intenso traballo, Orpagu, en colaboración co Centro de Automoción de Galicia (CTAG), culminou con éxito o obxectivo de dotar aos seus traballadores dunha axuda crave a través de exoesqueletos que faciliten o manexo de grandes peces. Despois dun proceso de selección, no que se testaron diferentes modelos do mercado usados no ámbito sanitario e militar, o concluíu que o exoesqueleto que mellor se adapta aos obxectivos buscados é o Apex da empresa HeroWear. Foi o elixido tras a xornada de familiarización levada a cabo no laboratorio Booster Manufacturing do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), onde se empregaron os diferentes dispositivos para medir o tempo empregado, o ritmo cardíaco do usuario e a resposta muscular na zona lumbar, aos que se engadiu unha enquisa subxectiva sobre a comodidade ou incomodidade do uso deste dispositivo.
Unha vez determinado o modelo, as instalacións de Orpagu acolleron unha intensa xornada de probas coa colaboración de profesionais da pesca de máis de 20 anos de experiencia. Realizáronse simulacións reais con cargas de 30, 48 e 50 quilos -medidas seleccionadas tras un estudo do sector no peixe espada e a quella- tanto en carga e descarga como en arrastre e, á espera dunha análise profunda dos datos solicitados, recibiuse unha gran acollida entre os profesionais, superando o 60% a sensación de axuda que producen os exoesqueletos.
Por outra banda, na clasificación por tallas e volumes das especies pesqueiras que se fai na planta, o CTAG desenvolveu un xemelgo dixital para recrear a representación virtual dos diferentes procesos e dar co sistema indicado para os exemplares que captura a frota de Orpagu. Nesta acción, os palangreiros e os técnicos do centro galego atoparon en Josmar a un perfecto aliado para o desenvolvemento destas cintas de clasificación.
Un sistema único para o pelado da quella
Outra das innovacións presentadas nesta xornada, foi a mesa de pelado asistido servoautomática, que se atopa agora mesmo en fase de patente porque non existe nada no mercado similar. A dureza extrema da pel desta especia, unida á capa de graxa destes exemplares que hai que eliminar sen tocar a proteína, obriga a un proceso manual custoso e que require dun operario especializado. O novo sistema, que se dará a coñecer nos próximos meses, permite combinar a acción manual selectiva co apoio mecánico.
Tras a explicación pormenorizada de todas as fases do proxecto, os asistentes ao evento gozaron dunha cata de novos produtos, valorando cada unha das receitas en base ao seu sabor, textura e outras características.
Autopesca enmárcase dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Fondos Netx Generation.
Ningún comentario:
Publicar un comentario