11 de out. de 2023

BAIONA

Homenaxe aos asesinados da Volta dos Nove. Mes da Memoria

 Este próximo sábado, día 14 de outubro, ás 11.30 horas achegarémonos ata o cemiterio de Sabarís para facer unha ofrenda floral na tumba onde repousan os restos dos irmáns López Luís, Pepe e Luís e de Dolores Samuelle “Perfeuta”

 Ás 12h achegarémonos ata o cemiterio municipal de Baiona para facer a ofrenda floral ante o lugar onde foron soterrados os nove veciños do Val de Miñor que foran asasinados a madrugada do 15 de outubro de 1936 na Curva da Bombardeira

 Remataremos ás 12.30h, ante a escultura de Fernando Casás, na Volta dos Nove


Escultura de Fernando Casás, na Volta dos Nove

IEM / Baiona

 Este próximo sábado, día 14 de outubro, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) fará a homenaxe anual do MES DA MEMORIA a todas/os os represaliados e fusilados no Val de Miñor e Baixo Miño, nomeadamente aos asasinados de Sabarís, Perfeuta e Os Ineses,  e aos da Volta dos Nove.  

 Os fusilados foron Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos; Felicisimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos; Elías Alejandro Gonda Alonso "O  Ghonda", labrego, de 36 años; Manuel Francisco Lijó Pérez "O Lijó" de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio de O Burgo (Baíña); Modesto Fernández Rodríguez "O Rei Chiquito", 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón; Fidel Leyenda Rodríguez, de 51 anos, mariñeiro de Baiona; José Rodríguez González, "O Pelonio", veciño de Baiona de 45 anos; Manuel Barbosa Durán, "O ferreiro do Burgo". O máis novo dos  asasinados con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Baíña, Generoso Valverde Iglesias. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba con 37 anos de idade.

 


 

 Ás 11.30 horas achegarémonos ata o cemiterio de Sabarís para facer unha ofrenda floral na tumba onde repousan os restos dos irmáns López Luís, Pepe e Luís e de Dolores Samuelle “Perfeuta”, que foi enterrada no medio dos dous irmáns e que, en anos posteriores, foi exhumada pola familia e trasladada a un panteón familiar.  

 Ás 12h achegarémonos ata o cemiterio municipal de Baiona para facer a ofrenda floral ante o lugar onde foron soterrados os nove veciños do Val de Miñor que foran asasinados a madrugada do 15 de outubro de 1936 na Curva da Bombardeira,  saíndo de Baiona para Baredo, no que hoxe se nomea como A Volta dos Nove, onde se erixiu un monumento na súa lembranza, obra do artista miñorán Fernando Casás. No cemiterio onde forán enterrados colocouse unha peza en pedra, obra do mesmo artista, na que figuran os nomes dos nove asasinados.  


 

 Remataremos ás 12.30h facendo unha ofenda floral e unha pequena lembranza na memoria dos asasinados e as súas familias, ante a escultura de Fernando Casás, na Volta dos Nove, ante as nove cruces que dende aquel tráxico 15 de outubro foron debuxas na beirarrúa onde se deitara o seu sangue nun acto vil e covarde.  

 Contaremos co acompañamento musical da man de Bieito Lobariñas, mestre gaiteiro que colabora co IEM neste acto cívico de lembranza e memoria.  

 Tomarán a palabra familiares e amigos para lembrar aos seres queridos asasinados e seguir reivindicando para as vítimas verdade, xustiza e reparación.  

 Val de Miñor, mes da memoria de 2023.

Ningún comentario:

Publicar un comentario