10 de out. de 2023

A GUARDA

A Guarda vai celebrar o Día das Bibliotecas  

Con actividades programadas para o sábado 21 de outubro e para o martes día 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas.  




Infogauda / A Guarda

 A Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas este 24 de outubro de 2023.  

 O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.  

 A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda organiza dúas actividades para celebrar o Día das Bibliotecas dentro do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Guarda.  

 O sábado 21 de outubro, ás 12 da mañá, estará na Biblioteca Trinketrinke Teatro  co seu espectáculo “Animais do bosque”. Os Ratos de Lonxedetodo aman a natureza e saben o importante que é coidala e respetala.  

 Por iso vannos contar contos de diversos animais que habitan o bosque de Lonxedetodo e calquera bosque de Galicia. A idade recomendada é nenos e nenas de 4 a 9 anos. Entrada libre ata completar o aforo.  




 O martes 24 de outubro ás 6 da tarde temos o bebecontos “Unha tarde especial con Dori” de Batucado & Emusin. Este espectáculo lévanos ó cuarto dunha rapaza moi curiosa e con moita imaxinación. Veremos como Dori prepara algo especial para a súa Avoa polo seu aniversario. Será unha torta? Un debuxo? Ou unha canción? Teremos que acompañala nesta aventura para descubrilo, na cal mediante contos, movemento, música e elementos luminosos nos fará pasar un día máxico. Idade recomendada bebés ata 3 anos. Entrada libre ata completar o aforo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario