10 de out. de 2023

A GUARDA

ANABAM solicita á nova corporación que se restaure a legalidade vixente en materia de medio ambiente en A Guarda  




Asociación Naturalista "Baixo Miño" / A Guarda

 ANABAM informou ao Concello de A Guarda que, desde o ano 2007 vense producindo un incumprimento sistemático da lexislación ambiental vixente, sendo a día de hoxe seis leis e unha estratexia nacional as que se vulneran. Neste senso, ANABAM recorda que as administracións locais deben cumprir os instrumentos lexislativos aprobados a nivel autonómico, estatal e europeo para manter a boa saúde do medio ambiente e da cidadanía, supondo, o incumprimento das medidas establecidas na lexislación ambiental unha degradación do medio natural que comporta infraccións e sancións  que deberá asumir a Administración local e, en consecuencia, toda a cidadanía. Por todo isto ANABAM solicita a restauración e respecto da legalidade vixente en materia de medio ambiente dentro das competncias da administración local. En particular:  

1. Reutilización das augas depuradas para a limpeza das rúas e o rego de zonas verdes urbanas de acordo co establecido no “Real Decreto 1620/2007, do 7 de decembro, polo que se establece o réxime xurídico da reutilización das augas depuradas”. 

2. Modificar a iluminación dos edificios públicos para cumprir o “Real Decreto 1890/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de alumeado exterior” no que se indica que a iluminación ornamental deberá realizarse preferentemente en sentido descendente para reducir a contaminación lumínica. 

3. Defender o patrimonio natural e os dereitos da cidadanía fronte ao proxecto do Parque Eólico Toroña que non considera ao Concello de A Guarda como afectado e, por conseguinte, beneficiario do Fondo de Compensación Ambiental a pesar de que o termo municipal encóntrase dentro da liña de delimitación poligonal do parque eólico vulnerando a “Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental”. 

4. Cumprir as medidas para a eliminación de alteracións da zona dunar polas que, de xeito xeral, as autoridades competentes promoverán medidas para eliminar aparcadoiros, pistas ou infraestruturas que degraden o cordón dunar e lograr o restablecemento da vexetación orixinal das zonas degradadas segundo o establecido no “Decreto 9/2014, do 23 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia”. 

5. Seguir as directrices establecidas no nomeado Decreto 9/2014 polo que se realizarán, por parte das autoridades competentes campañas de información e sensibilización das persoas usuarias das praias divulgando 1) a importancia da presenza de arribazóns de algas como elemento do ecosistema costeiro e non sucidade, 2) a responsabilidade da recollida do lixo derivado da actividade humana pero o mantendo os restos de arribazón que só serán eliminados cando afecten á calidade da auga e 3) a necesidade de eliminar os puntos de recollida de lixo (papeleras) pois a presenza de restos orgánicos é un reclamo para a presenza de depredadores oportunistas. 

6. Respectar os principios da “Estratexia para o control, xestión e posible erradicación do Avispón asiático ou Avespa negra (Vespa velutina ssp. nigrithorax) en España” do ano 2015 eliminando a recomendación do trampeo masivo por parte da cidadanía. 

7. Cumprir a nivel municipal a “Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular” coa instalación de composteiros comunitarios para a recollida selectiva da fracción orgánica no casco urbano de A Guarda. 

8. Cumprir a “Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais” e, en particular, a implantación de programas de xestión de colonias felinas mediante a obrigatoria identificación e esterilización de tódolos gatos das colonias felinas do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario