28 de xuño de 2023

VIGO

Ana Pontón fixa como prioritario defender as infraestruturas que Vigo necesita cun grupo galego forte en Madrid tras o 23X  

Convida a votar coa cabeza e o corazón en Galiza elixindo a papeleta do BNG, a única forza que ten os seus centros de decisión no País  

Pon no centro temas fundamentais para a axenda galega como revitalizar a industria, unha AP-9 libre de peaxes ou a Saída Sur ferroviaria de Vigo  


A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe en Vigo á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso e o Senado pola provincia de Pontevedra

Infogauda / Vigo  

 A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe en Vigo á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso e o Senado pola provincia de Pontevedra. Estivo acompañada polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e polas persoas que integran as listas, entre as que se atopa Carme da Silva como número un ao Congreso, seguida do vigués Brais Ruanova como número dous. 

 “Este 23 de xullo está en xogo que Vigo e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Vigo para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista. Para conseguilo, Pontón manifestou que “a alternativa ao de sempre é o BNG”.  

 “Fronte ás forzas centralistas que fan o que lles ordenan en Madrid, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses” e recalcou que “o BNG sae a por todas, sen límites e co obxectivo claro de ter un grupo galego forte en Madrid”.   

 A portavoz nacional lembrou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. “Non imos aceptar o que nos impoñan dende Madrid. Queremos que Galiza sexa protagonista e que poida condicionar a política estatal”, engadiu.  

 Pontón manifestou con contundencia que “quen vai pelexar por Vigo, polas súas infraestruturas, pola súa industria, por unha AP-9 galega e sen peaxes e pola Saída Sur ferroviaria é o BNG. Apostaremos con decisión por poñer a Galiza no centro para que a axenda galega se escoite”.  

Carme da Silva, cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra 

 A candidata por Pontevedra Carme da Silva destacou que Galiza e Vigo teñen por diante grandes retos fundamentais para o seu futuro, polo que fixo un chamamento a “que Vigo conte” da man do BNG no Congreso fronte á desatención das súas necesidades “tan esquecidas polos partidos centralistas”.  

 “Necesitamos ese grupo galego forte, necesitamos que Vigo conte, que Vigo decida para ter un transporte ferroviario de proximidade adecuado ás necesidades de mobilidade actuais, e que se acometa, dunha vez por todas, a tan demandada saída sur. Necesitamos un grupo galego forte, necesitamos que Galiza decida, que Vigo decida, para recuperar as nosas rías e o noso litoral”, insistiu Da Silva, lembrando tamén a alta velocidade ou a necesidade do tramo urbano dende Torres Padín, entre outras necesidades. 

 A nacionalista lembrou que hai catro anos, na entrada do BNG no Congreso, esixiuse unha AP9 galega e libre de peaxe. “Non foi posíbel ao 100%. Pero grazas ao traballo do único deputado do BNG conseguimos que miles de galegos e galegas teñan, cada día, unha rebaixa do 50% na AP9. Un grupo galego forte en Madrid é a única garantía de que esa AP9, da que se paralizou a transferencia nesta lexislatura, sexa realmente unha AP9 galega e libre de peaxe para todos os galegos e galega”, subliñou. 

 A candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, dixo Da Silva, é unha garantía de que se van defender os intereses de vigueses e viguesas, galegos e galegas. “Representa a diversidade, a pluralidade, da sociedade galega, persoas comprometidas na defensa da sanidade, do ensino público, persoas que traballan na investigación máis punteira, traballadoras do mar, da industria, do comercio, da cultura, persoas con experiencia de goberno, persoas que formarán parte dese grupo galego forte que teremos en Madrid”. 

 Pola súa banda, o voceiro municipal en Vigo Xabier P. Igrexas pediu a viguesas e vigueses que a cidade olívica sexa “o motor de cambio que asegure un grupo galego forte en Madrid da man do BNG”. Subliñou que o grupo nacionalista é o único que vai facer valer os intereses de Vigo e Galiza, sabendo “por experiencia histórica” que os gobernos españois do bipartidismo “teimaron na desatención á maior cidade do país”. 

 Igrexas lembrou que nos últimos catro anos o Goberno dixo “non a Vigo” rexeitando todas as solicitudes e emendas para aumentar o orzamento estatal destinado á cidade. Chamou a facer valer o peso de Galiza para desbloquear proxectos moi necesarios e salientou que na candidatura do BNG por Pontevedra hai un importante peso de Vigo, coa presenza no número dous, Brais Ruanova, e tamén de Nuno Galán, así como do número un ao Senado Ramón Nicolás. 

O 23X: o momento de facer historia cunha Galiza que conte 

 Pontón convocou á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Vigo e en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG”. “Xogámonos o presente pero tamén as decisións que van marcas o noso futuro”, afirmou.  

 A líder nacionalista quixo amosar tamén o seu compromiso coa cidade declarando que “o voto ao BNG vai valer para seguir traballando en temas cruciais para Vigo como a Saída Sur ferroviaria”. “Igual non é importante para España”, indicou, “pero para Galiza e para Vigo é fundamental unha conexión ferroviaria de calidade con Portugal, polo noso futuro, a nosa economía e a nosa articulación como País”.   

 Destacou tamén que o Bloque sae este 23X “a por todas, coas pilas cargadas e co ánimo que nos dá ver que, en cada proceso electoral, o BNG é a forza política referente para a xente que quere unha Galiza mellor”. “Estamos cheas de forza e ilusión para galeguizar a campaña porque isto non é un xogo a dous”, concluíu.  

A candidatura pola provincia de Pontevedra 

 A candidatura pola provincia de Pontevedra ao Congreso está formada por Carme da Silva, Brais Ruanova (Vigo), María Ortega (Moaña), Xosé Manuel Rodríguez Méndez (As Neves), Marta Gómez (Pontevedra), María Paz Correa (Catoira), Xosé Manuel Méndez (A Guarda), Alexandre Fiuza (Vila de Cruces), Davinia Lojo (Marín), Elena Otero (Arousa), Trinidad Pérez (A Cañiza), Óscar del Valle (Soutomaior), Sabela Bará (Pontevedra), Nuno Galán (Vigo), Sara Samartín (Mos) e Hugo Domínguez.   

 Para o Senado preséntanse Duarte Correa (Salnés), Erea Rei (Silleda), Alexandre Estévez (Mondariz), María Xosé García (Redondela), Yasmina Moreira (Baiona), Ramón Nicolás (Vigo), Manuela Rodríguez (Gondomar), e Xoán Reices (A Estrada).

Ningún comentario:

Publicar un comentario