26 de abr. de 2023

A GUARDA

Sofía Vicente Álvarez será a candidata número 2 por Espazo Común á alcaldía de A Guarda  

 Súmase ao proxecto que lidera Celso Rodríguez Fariñas nesta localidade, e que propón unha nova alternativa no taboleiro político local  


Celso Rodríguez Fariñas e Sofía Vicente Álvarez, candidatos números 1 e 2, de Espazo Común nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio

Infogauda / A Guarda

 Sofía Vicente Álvarez concorrerá ás próximas eleccións municipais do 28 de maio como número dous por Espazo Común, á alcaldía de A Guarda. “Traballar polo meu pobo”. Esta é a idea que fixo decidirse a esta guardesa para unirse a este proxecto. “Nunca pensara meterme en política. Con todo, tras a chamada de Celso Fariñas propoñéndome que me unise ao seu equipo sentín ilusión por poder participar activamente na política local”. Sofía Vicente será, pois, a man dereita de Fariñas, a quen lle precede unha longa traxectoria na defensa dos intereses sociais, deportivos e políticos, e quen presentou recentemente a súa candidatura para presidir esta alcaldía por este partido que amplía, así, o abanico de alternativas dispoñibles para os votantes guardeses.   

 Para Sofía Vicente, profesora de vocación con máis de 20 anos de experiencia tanto con nenos como con adultos, Espazo Común é unha opción que representa politicamente o que é un dos seus principios da súa vida. Como subliña, “é un espazo aberto para persoas con inquietude política no que non hai ataduras nin imposicións desde ‘arriba’, e isto é fundamental para min”. 



 
O propio fundador de Espazo Común, Manuel Vázquez Fernández (Pachi Vázquez), sinalou recentemente que esta formación é un "movemento cidadán" que non pretende "máis nada que transmitir esa acción política nos concellos". Aínda que é certo que son un partido "moi novo", no últimos catro anos consolidáronse traballando con humildade, moita constancia e compromiso político”, destacou Vázquez.  

 Sofía Vicente anuncia tamén: “En breve presentaremos o noso programa que será tanto realista como ambicioso, e estará enfocado en potenciar os recursos da Guarda e poñer en valor o noso marabilloso pobo sempre pensando nos intereses de toda a cidadanía”.   

 Pola súa banda, para Fariñas, “A Guarda precisa un cambio de dirección. Non podemos vivir de apenas tres meses ao ano e o resto do tempo ser unha vila case pantasma. Temos moito potencial por explotar e moitos recursos que pór en valor”.  

 En espera de coñecer os demais candidatos para A Guarda por Espazo Común, e o programa que vertebrará a política guardesa que queren impulsar o próximos catro anos, Sofía Vicente dá pistas dos retos que ten por diante. Pretende introducir diálogo, moderación e pedagoxía –trazos moi característicos da súa personalidade– e que contribuirán a que o Concello de A Guarda avance no seu obxectivo de converterse no referente e o motor do Baixo Miño a todos os niveis. Por outra parte, tamén busca conseguir, con tenacidade, firmeza e decisión, que “todas as veciñas e veciños formen parte, interésense, involúcrense, gocen e participen da vida política social e política desta localidade: Que ningunha guardesa nin guardés quede á marxe. Necesitamos e contamos con todas e todos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario