Saúde Mental FEAFES Galicia fomenta o apoderamento e a autonomía de mulleres con problemas de saúde mental
· As mulleres con problemas de saúde mental son un colectivo que frecuentemente resulta invisibilizado, padece discriminación en diversos ámbitos e a miúdo sofre a vulneración dos seus dereitos.
· Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade atendeu este ano a 51 mulleres para dotalas dunha maior autonomía e independencia que permita mellorar a súa situación persoal, social e laboral.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
As mulleres con problemas de saúde mental son un colectivo moi invisibilizado que frecuentemente experimenta unha tripla discriminación: o rexeitamento que provoca a discapacidade, o estigma asociado aos problemas de saúde mental e a discriminación derivada de ser muller.
O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, trata de fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren estas mulleres. Deste xeito, Saúde Mental FEAFES Galicia traballa con 51 mulleres en diversas localidades galegas para dotalas dunha maior autonomía e independencia que permita mellorar a súa situación persoal, social e laboral.
Para isto, ofréceselles unha atención personalizada e especializada que inclúe información e asesoramento sobre aspectos como a psicoloxía, os recursos que teñen á súa disposición, o ámbito xurídico ou o acceso ao emprego. Tamén se lles ofrecen ferramentas para aprender a identificar e previr a violencia de xénero e a discriminación da que estas mulleres son vítimas en moitas ocasións.
Ademais, organízanse acción grupais que permiten compartir experiencias e aprender as unhas das outras. Neste senso, realízanse talleres grupais de autoestima e autocoidados, afectividade, sexualidade e anticoncepción, prevención de malos tratos, habilidades sociolaborais para a empregabilidade, etc. O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade ten unha duración anual e remata o vindeiro 30 de agosto.
Mulleres e saúde mental, unha tripla discriminación
A discriminación e o prexuízo social que sofren as mulleres con problemas de saúde mental provoca importantes dificultades en diversos eidos como o laboral, pois son dos colectivos que atopan máis obstáculos para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.
Por outra banda, as mulleres con problemas de saúde mental ven frecuentemente dificultado o exercicio da súa maternidade, baseándose na falsa crenza de que non van ser capaces de ofrecer unha crianza sa ou ter un vínculo maternofilial axeitado. Nos casos máis extremos, o diagnóstico utilízase como argumento para quitarlles a custodia dos seus fillos ou fillas.
Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida sobre as mulleres con problemas de saúde mental, moitas veces por parte das súas parellas e ex-parellas, é entre 2 e 4 veces máis frecuente que a que se exerce sobre o resto das mulleres.
Con todo, a pesar de que a saúde mental das mulleres se recoñece como o campo de maior impacto no benestar individual, familiar e social, non existe unha abordaxe de xénero nas políticas de saúde mental. Tamén é escaso o enfoque de xénero nas intervencións sanitarias e sociais dos problemas de saúde mental, así como na avaliación das mesmas.
Para reverter esta situación, cómpre impulsar servizos públicos de información, orientación e atención sociosanitaria con perspectiva de xénero, así como reclamar o dereito das mulleres con problemas de saúde mental a recibir unha atención en igualdade e con todas as garantías nos diversos ámbitos das súas vidas.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario