29 de ago. de 2022

AS EIRAS (O ROSAL)

Un traballo sobre a toponimia da parroquia, feito por Helena Pousa Ortega e Amaro González Pousa

Foi presentado nas antigas escolas das Eiras, na tarde de onte domingo 28 de agosto


A antiga escola pública de As Eiras acolleu o acto de presentación do traballo, da autoría de Helena Pousa Ortega e Amaro González Pousa

Infogauda /As Eiras  

 Un traballo sobre o patrimonio toponímico da parroquia de As Eiras (O Rosal), feito por Helena Pousa Ortega e Amaro González Pousa, que fixa documentalmente os nomes dos lugares dese fermoso territorio miñoto, para coñecemento das xeracións actuais e para as futuras; vén de ser presentado na tardiña de onte na Escola-Casa Cultural de As Eiras.

 O acto, ao que asistiron numerosos veciños/as das Eiras e doutros lugares da contorna, e contou coa presenza da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, foi presentado polo presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de As Eiras, Jorge Estévez Eiras, quen explicou a importancia de non esquecer os nomes dos lugares da parroquia porque agora entre a concentración parcelaria, que eliminou moitos deles, e os cambios no tipo de vida, poden acabar totalmente olvidados. 

 Tamén falaron no acto os autores do traballo, para explicaren como fixeron a busca e localización dos nomes e  elaboraron os mapas que agoran están pendurados nas paredes da escola. 

 Trátase dun traballo feito coa magnífica información de varios veciños que axudaron localizar e situar máis de 250 topónimos. 




 Tamén colaborou na presentación Gonzalo Navaza, membro da Real Academia Galega e da Comisión de Toponimia, para explicar que os topónimos forman parte innegable do noso rico Patrimonio Inmaterial, e que canto máis se usen, en mellores condicións se conservarán, a diferenza doutros elementos culturais e patrimoniais (igrexas, muíños,…) nos que é preciso investir moitos cartos para seren restaurados. Tamén explicou aos asistentes a posible orixe e significado de moitos topónimos da parroquia. 


Vista parcial das persoas - entre elas á alcaldesa do Rosal - que asistiron á presentación do traballo sobre a toponimia de As Eiras

 Coa presentación deste traballo rendeuse homenaxe a un veciño das Eiras, Rodrigo Rodríguez López, que participara na primeira recolleita de topónimos feita xa hai máis de 20 anos, e na que colaborou activamente como informante.  

 Os mapas de grandes dimensións coa toponimia das Eiras pódense ver no local da Asociación Cultural que teñen na escola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario