3 de maio de 2021

SOCIEDADE

Milleiros de persoas tomaron as rúas de Galiza convocadas pola CIG para conmemorar o 1º de Maio  

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, chama a  intensificar a loita para forzar unha saída galega xusta da crise 

Manifestación central da CIG polas rúas de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Varios milleiros de persoas participaron o sábado nas 16 mobilizacións convocadas pola CIG por toda Galiza  para conmemorar o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. O secretario xeral da central  nacionalista, Paulo Carril, que participou na manifestación central, que tivo lugar en Vigo, fixo un  chamamento a intensificar a loita obreira nas empresas e a mobilización social nas rúas para forzar “unha  saída galega xusta da crise”. 

 Carril incidiu na necesidade de “facer valer” políticas alternativas, que no caso do noso país veñen  acompañadas de reivindicar o dereito de autodeterminación para termos capacidade de decidir como pobo  galego o noso futuro “e así contribuír á construción dun mundo baseado na solidariedade, na cooperación, na igualdade e na paz”.  

 Lembrou que a CIG leva meses mobilizándose para evitar que a clase traballadora sexa quen pague unha vez máis a crise económica, laboral, social e sanitaria, ao tempo que achegou unha serie de propostas para unha  saída galega xusta, con medidas concretas que pasan por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica,  Industrialización, Creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos.  

 Propostas que urxen a unha intervención pública na economía, no sistema financeiro, no sector industrial e  na protección social, concentrando todos os recursos públicos, como única vía que permitirá un mínimo  desenvolvemento económico e social xusto que garanta o dereito a poder vivir e traballar dignamente na  nosa terra. 

 “E facemos estas propostas con toda a lexitimidade que nos dá ser a primeira forza sindical en Galiza e estar  nas rúas e nos centros de traballo todos os días, loita a loita, confrontando esta situación e dando  alternativas”. Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que no momento histórico que vivimos “a mobilización, a  solidariedade e a unidade de clase, a combatividade, a loita obreira e a mobilización social son o camiño para conquistar un futuro digno como clase traballadora e como pobo galego”. 

Crise sanitaria 

 O máximo responsábel da CIG non quixo pasar por alto a actual crise sanitaria e apelou á necesidade de que  “ninguén se lucre coa pandemia”, polo que considera imprescindíbel que se garanta o dereito universal á  saúde e á protección fronte ao virus, “polo que reclamamos desde hai meses a liberación das patentes das  vacinas para que remate o monopolio dos laboratorios privados que están a facer negocio coa nosa saúde”.  

 Unha crise sanitaria que se produce nun momento no que, sen se ter superado a crise económica do 2008,  sigue a aumentar a concentración do poder, das rendas e da riqueza en menos mans e en menos territorios.  “O 1% máis rico da poboación mundial concentra o 47%, case a metade, da riqueza mundial”, denunciou. 

 Tamén criticou o feito de que a pandemia está a ser aproveitada para acelerar as transformacións que se  estaban a producir na economía (descarbonización) e no traballo (dixitalización, teletraballo, etc) “na  dirección de manter a hexemonía do capital e dun modelo económico, laboral e social explotador e inxusto,  impoñendo todo tipo de mudanzas no modelo produtivo, valéndose, unha vez máis, do papel dos estados e do consumo millonario de recursos públicos mentres aumenta o deterioro das condicións vida e de traballo”.  

 Por outra banda, alertou que débeda pública medra ao tempo que novos recortes veñen en camiño, mentres  aumenta o desemprego, especialmente o das mulleres, a caída dos salarios, a precariedade, a pobreza laboral, e mentres a mocidade queda sen futuro. “Pero os gobernos, dirixidos pola UE, seguen impoñendo políticas  para salvar o capital: socializan as perdas, repartindo o custe da crise, pero privatizan as ganancias”.  

O caso español 

 Carril amosouse moi crítico co Goberno de PSOE-Unidas Podemos, ao que acusou de actuar ao ditado do  neoliberalismo e das directrices da UE, “por moito que se disfracen con gran despregamento de centralismo  madrileño e permanentes chamadas á lacra do diálogo social”.  

 Censurou que a “permanente propaganda” e declaracións sobre a derrogación das reformas laborais contrasta cunha vixencia e aplicación que cada día “tortura a máis traballadores/as e permite que continúen as  facilidades á patronal para ERE ou ERTE á carta”.  

 Cando ademais imos camiño dun empeoramento da crise derivada da pandemia con novos despedimentos,  que se suman a todos os executados desde o 14 de marzo de 2020, a que sexa maior a caída dos salarios, rendas e prestacións para máis sectores da clase traballadora. “E aínda por riba, coa declaración da renda  deste ano, como xa denunciamos hai un ano que ía pasar, pagan máis a Facenda os que menos ingresos  teñen”. 

 Por iso considera inxustificábel que as reformas sigan en vigor. “É imperdoábel que non haxa iniciativas  políticas máis atrevidas no Congreso dos Deputados/as para facer realidade a súa derrogación, cando se  anuncian novas reformas, duras e severas medidas que pide a UE para acceder aos fondos europeos: novos  recortes nas pensións públicas, novas privatizacións de servizos públicos, nova reforma fiscal para máis  impostos aos pobres e menos para os ricos”. 

 En consecuencia, entende que a credibilidade do Goberno pasa por derrogar as reformas laborais antes de  que a crise siga avanzando “porque o paso do tempo fai que aumente a ameaza dos despedimentos, xa que lle dan poder total á patronal para que de maneira unilateral decida o futuro de centos de traballadores/as”. 

Tamén o PP e a Xunta de Feijóo 

 En canto ao contexto galego, lamentou que a acción do PP e de Feijóo á fronte da Xunta están a contribuír de forma intensa á destrución de emprego e dos nosos sectores produtivos, do comercio, da hostalaría, de  industriais estratéxicas, etc. “Comarcas enteiras, especialmente no norte de Galiza, atópanse en plena  reconversión e demolición, en pleno proceso de desertización industrial e social, senón somos quen de  impedilo”. 

 Realidade que é consecuencia directa da aplicación dunha política que cualificou de suicida, “e que se  emprega de forma autoritaria para satisfacer os fondos de investimento, actuando de forma submisa e  dependente de Madrid e de Bruxelas a risco de causar danos irreparábeis para o futuro do pobo galego:  agrávase a crise social e demográfica, aumenta a emigración e a privatización de servizos públicos e a  mercantilización dos coidados ás persoas”. 

 Como exemplo citou o feito de que en pleno proceso de descarbonización sigan sen existir políticas públicas  para unha transición social e territorial xusta, “como tampouco hai medidas públicas que fagan fronte á  ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas, que seguen campando ás súas anchas, sen asumir  os custes sociais, laborais e medioambientais que están a causar mentres encabezan un novo boom  especulativo ligado ás enerxías renovábeis”. 

 “Non podemos permitir que non nos deixen tirar proveito dos nosos recursos enerxéticos e naturais para  beneficio do pobo e do desenvolvemento económico do noso país”, polo que rematou a súa intervención  chamando á mobilización “coa forza que nos dá a razón e a xustiza destas reivindicacións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario