27 de nov. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal continúa avanzando cara a reforma integral do seu mercado municipal  

· Luz verde á nova ordenanza fiscal e reguladora da praza de abastos  

· O pleno tamén levantou as mans a prol da loita contra a violencia de xénero ao abeiro do 25N, e aprobou por unanimidade outras dúas mocións conxuntas sobre transporte ferroviario e sanidade 

· Visto e prace tamén ao Plan de Acción polo Clima do Rosal e ao regulamento do servizo de préstamo das biotrituradoras  

   A alcaldesa e concelleiras/os rexeitaron todo tipo de violencia contra ás mulleres
 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa dando pasos para a mellora da praza de abastos. Este xoves a Corporación Municipal celebrou sesión plenaria ordinaria, aprobando por unanimidade a nova ordenanza fiscal e reguladora do mercado, xa que “unha reforma integral do mercado municipal require tamén unha actualización e ordenación da situación a nivel de funcionamento que reverterá nun maior beneficio social”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Deste xeito, o pleno deu luz verde á modificación das taxas de ocupación e uso do mercado municipal de abastos, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022, e aprobou a ordenanza que regula a actividade comercial que se desenvolve na praza de abastos e a concesión da explotación dos distintos postos.  

 Esta nova ordenanza recolle o espírito do mercado do Rosal, que se reformará integramente para convertelo en centro de dinamización económica e social do núcleo urbano, fomentando a compra de produto local de proximidade e promovendo actuacións que fagan o comercio máis atractivo e competitivo e que sirva como motor de tracción para novas actividades comerciais na contorna. Este regulamento, que entrará en vigor aos 15 días da súa publicación no BOP, establecerá “un novo marco de relación entre o Concello e os titulares de todos os puntos de venda deste mercado municipal para facilitar a xestión deste servizo público en beneficio da veciñanza”, explicoua rexedora.  

Tres mocións conxuntas 

 O pleno tamén aprobou por unanimidade tres mocións conxuntas, presentadas inicialmente na Comisión Informativa polo BNG, relativas ao transporte ferroviario, ao apoio ás reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública e ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Así, co gallo do 25 de novembro, o pleno da Corporación Municipal levantou as mans en sinal de loita contra esta lacra e aprobou tamén unha serie de acordos para dar resposta integral aos problemas xerados pola violencia de xénero, agravados en plena pandemia da COVID-19. Deste xeito, ademais de rexeitar calquera acto de violencia contra as mulleres no marco do fomento dunha cultura da igualdade e do respecto á diversidade, o Concello do Rosal comprométese a traballar para incorporar a perspectiva de xénero de forma integral en todas as decisións que se adopten e a colaborar activamente na creación e dotación de medios dunha rede de entidades e comprometidas coa igualdade. 

 Xunto con estas medidas, o Concello do Rosal reclama ao goberno autonómico que destine como mínimo no 1% do total dos orzamentos de 2021 á loita contra a violencia e ao goberno estatal que modifique a lei actual avanzando nunha definición de violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista.   

 Medidas concretas e contundentes contra a violencia contra as mulleres no ámbito laboral, a mellora dos puntos de encontro cando hai menores por medio ou mecanismos para manter a seguridade sanitaria, son algunhas das iniciativas que reclama o Concello rosaleiro. 

 Ademais destas cuestións, o pleno abordou e aprobou por unanimidade, o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Rosal, con medidas concretas para loitar contra o cambio climático e reducir as emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro no municipio nun 40% ata 2030. 

 Tamén se deu o visto e prace á ordenanza que regulará o servizo de préstamo de biotrituradoras, un servizo gratuíto que se porá en marcha en vindeiras datas para fomentar a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal entre a veciñanza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario