20 de out. de 2020

O ROSAL

Un apicultor do Rosal pon en marcha o Proxecto “Apadriña unha colmea” 

Chámase Marcos Rodríguez Portela, e desde hai algúns meses rexenta a empresa Apicultura Niño do Corvo

  

        Marcos Rodríguez cun grupo de persoas nunha ds visitas guiadas a seu apiario


Infogauda / O Rosal

 Marcos Rodríguez Portela é un novo emprendedor do Rosal dedicado ao mundo da apicultura e que acaba de lanzar un novo proxecto - “Apadriña unha colmea” -, mediante o cal fai partícipe, a todo o que o desexe, do proceso de elaboración do mel das súas colmeas, mediante unha achega anual.  

 A cambio desa achega anual, que o promotor establece en 50€, o padriño da colmea terá dereito a dúas visitas guiadas ao apiario, onde coñecerá in situ como é o proceso natural da elaboración do mel e, ademais, recibirá a cambio 3 quilos de mel da colleita da colmea apadriñada.   

 En decraracións a este xornal dixital transfronteirizo Marcos Rodríguez Portela dixo: “Quero que este proxecto sirva para que moita xente que non sabe como se elabora o mel poida ter a oportunidade de coñecer este mundo de primeira man, con visitas guiadas e ademais aproveitar para degustar o propio mel das colmeas apadriñadas, facéndoos partícipes deste proceso”.  

 A idea principal do proxecto é que todo aquel que estea interesado poida apadriñar a súa colmea ou ben regalar estas “experiencias” para coñecidos ou familiares, dando así a coñecer esta actividade mundo, poucas veces explorada pola maioría da xente.  

 Todas as persoas que o desexen, poden apadriñar unha colmea chamando ao 671 644 541 ou enviando un correo electrónico a melninodocorvo@gmail.com   

 

                           Presentación do mel multifloral “Niño do Corvo”
 

 Este novo empresario rexenta desde hai algúns meses a empresa Apicultura Niño do Corvo, situada na rúa Ramón Franco número 21 no Rosal – Pontevedra, dedicada á venda de material, formación e asesoramento para apicultores e para persoas que lles guste e quéiranse iniciar no mundo da apicultura.  

 Na actualidade elabora o mel de bosque “Niño do Corvo”, proveniente do máis dun centenar de colmeas que posúe en zonas boscosas da Comarca do Baixo Miño, o xardín do sur da provincia de Pontevedra.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario