20 de out. de 2020

EUROCIDADE TOMIÑO - VILA NOVA DE CERVEIRA

As II Xornadas Amizade Cerveira Tomiño servirán para avaliar o resultado da cooperación transfronteiriza  

As conferencias e mesas de debate serán retransmitidas en directo a través da web da Eurocidade  


 Infogauda / Tomiño

 A “Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño”, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP), desenvolveu, ao longo dos últimos anos, varias accións orientadas á procura dun desenvolvemento sustentábel do territorio que repercuta positivamente na melloría da calidade de vida e da cohesión social da poboación, na repartición e optimización dos equipamentos e servizos públicos de utilización colectiva e dos recursos humanos e económicos, nun programa de cooperación virado ao futuro.  

 Para conclusión do proxecto celébranse este venres (23 de outubro) as II Xornadas Amizade Cerveira Tomiño, que terán lugar no Fórum Cultural de Cerveira e que servirán, fundamentalmente, para facer balance dos resultados acadados.    

 Coma peche destas xornadas, organízase o debate “Europa sen fronteiras: o papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo”, onde se pretende refletir sobre os principais desafíos das políticas de cohesión europeas no período pos-Covid 19 e o papel da cooperación transfronteiriza na consolidación dun dos piares/principios fundacionais da Unión Europea: a Europa sen fronteiras.  

 Dado o actual contexto de pandemia por mor da Covid-19, o evento será retransmitido por streaming e só será posible o acceso presencial na sesión da tarde para ponentes, institucións, entidades convidadas e prensa acreditada.    

 As conferencias e mesas de debate serán retransmitidas en directo a través da web da Eurocidade (https://eurocidadecerveiratomino.eu).

Ningún comentario:

Publicar un comentario