21 de out. de 2020

A GUARDA

O Concello convida a festexar o Samaín con actividades para toda a familia  

•  Será unha celebración diferente, na que se propoñen 3 actividades que se poden realizar entre toda a familia e para os diferentes gustos de cada un.

 


Infogauda / A Guarda

 Para a celebración dun Samaín diferente, este ano desde o Concello de A Guarda propóñense 3 actividades que se poden realizar entre toda a familia e para os diferentes gustos de cada un.  As actividades contan con varias accións en liña con vídeos e a acción presencial “Contos para caghar patatillas” que terá lugar o 31 de outubro no Centro Cultural.  

Facemos un trato? Con decoracións escalofriantes 

 Do 21 ao 29 de outubro arrancan as primeiras actividades con “Facemos un Trato?”. Mediante unha proposta de decoración das xanelas das vivendas das casas e coa que os máis pequenos da casa poderán levarse un pequeno agasallo.  

 Nesta actividade os máis pequenos coa axuda das súas familias, terán que decorar unha xanela ou porta da súa casa (visible dende a rúa). Unha vez rematada enviar unha foto da súa decoración ó enderezo electrónico centrocultural@aguarda.es indicando o nome e apelidos dos participantes. 

 Se aceptan o trato, poderán pasar a recoller unha bolsiña de lambetadas polo Centro Cultural, no día e hora que se lles indique vía correo electrónico.  

 Para completar o trato o Concello de A Guarda difundirá a través das redes sociais e do canal de youtube un vídeo tutorial con ideas escalofriantes e fáciles para completar as decoracións.  Ligazón: https://youtu.be/xcmLAALXR9Q       

 As fotografías das decoracións realizadas poderán enviarse por correo electrónico dende o luns 27 ata o xoves 29. Se as familias así o autorizan as fotos coas decoracións serán compartidas no Facebook e Instagram de @culturaguarda entre o 28 e o 31 de outubro.  

“Cociña de medo” para as receitas máis deliciosas 

 Seguindo na mesma liña publicaranse vídeos de “Cociña de medo”. Agora que chegou o frío e estamos máis tempo na casa, que mellor para festexar a chegada da estación escura cunhas deliciosas sobremesas de medo. 

 Na semana que vai do 24 ao 31 de outubro difundiremos a través das redes sociais un par de vídeos con receitas apropiadas para estas datas.  

“Contos para caghar patatillas” o 31 de outubro no Centro Cultural 

                                                 Brais das Hortas 

 

 Xa para rematar o Samaín 2020, o sábado 31 de outubro ás 18:00h o Centro Cultural acollerá “Contos para caghar patatillas”, onde Brais das Hortas - coñecido tamén como o neno imperdible que acompaña a Peter Punk, pola banda Blues do País, ou a Tropa de trapo -, achegarannos unha sesión de historias que falan de pedras que se converten en xigantes, un romance galego que canta a aposta de dous amigos nun cemiterio, un león e unha elefanta no medio da noite na sabana africana, unha nena que escoita por vez primeira a tormenta… 

 As inscricións para esta actividade presencial, que se realizará con todos os protocolos Covid-19 e medidas de seguridade e hixiene vixentes, se poden realizar a partires deste venres día 23 de outubro no Centro Cultural, chamando ao 986 61 18 50 ou enviando un correo electrónico a centrocultural@aguarda.es.

Ningún comentario:

Publicar un comentario